XORNADA 7
17/11/2012
Cisne Bm.: 25 (11+14): Juan, Aron (2), Yago (1), Jaime (8), David (8), Javi (4), Conde (1) -equipo inicial- Barreiro, David G., Anxo (1), Pedro, Santi, Eloy.
Ifecgás Pereira Xiria: 29 (14+15): Zúpez, Anes (4), Martín (5), Javi(6), Alberto (4), Calvete (2), Rubén Gómez (3) -equipo inicial- Edu (1), Óscar (1), Fidi, José, Julián (1), Álex (2) .
Colexiados: Farruco Soliño e Manuel Currás.
Non foi un bo partido o que enfrontou ao Cisne de Pontevedra e ao Ifecgas Pereira Xiria. Os de Carballo non foron o equipo dinámico que estamos acostumados a ver e os do Cisne, a pesar de por máis intensidade no envite, careceron de acerto en momentos puntuais.
O encontro prevíase moi complicado, xa que na pista do C.G.T.D. nunca as cousas resultan doadas para os de Carballo e sempre deben de sufrir para levarse os dous puntos neste, xa clásico, do balonmán galego en calquera categoría.
Os de Xiria dominaban cunha defensa contundente e de moi alta intensidade, pero despois non eran quen de concretar no lanzamento final as transicións e estrelábanse unha e outra vez contra o porteiro local, cando non perdían o balón por erros non forzados no contraataque. Así foi que o que parecía que ía ser unha vantaxe máis que cómoda dos bergantiñáns resultou ser unha renda curta ao final dos primeiros trinta minutos e a incerteza cara a segunda parte.
Comezaba a segunda metade e o Ifecgás Pereira parecía que non estaba disposto a pasar apuros. A intensidade estaba a ser a mesma, pero agora si que se materializaban os contragolpes, tanto en segunda como en primeira oleada. Isto propiciaba que os visitantes se escaparan no electrónico ata de nove goles a falta de dez minutos para o remate e parecía que a vantaxe ía aumentar, pouco a pouco, aínda máis.
Todo foi un espellismo, cinco balóns que se lles caían das mans aos xogadores bergantiñáns eran cinco contaataques que poñían de novo o marcador apretado e ao Cisne a tan só catro goles e con cinco minutos de infarto por diante para xogar. Por sorte, os da cidade do Lérez mostrábanse erráticos nas súas accións de lanzamentos nos últimos intres e os de Xiria volvían a Carballo cunha vitoria importantísima no peto
A vindeira fin de semana o Ifecgás Pereira terá que disputar un partido de infarto no Vila de Noia conta un rival, o Balonmán Cangas, que se sitúa un posto por debaixo dos de Xiria pero cos mesmo puntos. É un rival directo na loita polo título e por tanto, un partido vital para que os carballeses poidan seguir mirando cara arriba. O encontro disputarase o domingo ás 12.15 h.
