CISNE BM. 26 – CALVO XIRIA 34

LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 20
09/03/2013 CISNE BM. 26 – CALVO XIRIA 34

Cisne Bm. 26 (9+17): Galán [p], Adrián (3), Dacosta (2), Pablo (6, 3 dende os 7 metros), Chan (5), Martín (3), Montensinos (2) -equipo inicial- Juan [p], Picallo, Andrés (1), Eduardo (2), Rey (1), Miguel (1), Daniel.
Calvo Xiria 34 (18+16): Kike [p], Ramón (2), Jesús (6), Chimpo (4), Brais, Manuel (6), Dubra (4) -equipo inicial- Jorge, Pablo (10, 2 dende os 7 metros), Brais, Mario, Gonzalo (1), Martín (1), Calvete.
Colexiados: Tomás Fernández Merino e Omar Fagúndez Pérez da Federación Territorial de Castela – León. Excluíron por parte do Cisne a Adrián (21´), Alexandre (34´), Pablo (38´ e 38´), Dacosta (41´), Miguel (53´) e ao adestrador local (45´), por parte do Calvo Xiria as exclusións foron para Ramón (5´), Manuel (23´), Gonzalo (28´), Brais (28´ e 38´) e Martín (46´).
Marcador: : 2-5, 2-5, 4-8, 7-11, 8-14, 9-18 (descanso); 13-21, 16-24, 18-27, 20-29, 23-30, 26-34(final).
7 metros: Cisne Bm.: 4/5 ### Calvo Xiria: 2/2
Preto de 300 seareiros no CGTD de Pontevedra, entre os que se deixaron sentir unha trintena de carballeses.

Tocaba xogar desta volta ante un equipo en clara liña ascendente, o Cisne Bm. Con tres vitorias consecutivas atopábase moi preto na táboa clasificatoria, tan preto que so dous puntos separaban aos rivais que se enfrontaron no CGTD na tarde de hoxe. A este feito había que engadirlle as baixas cas que contaba o conxunto bergantiñán no día de hoxe, numerosas e notables, de tal xeito que Iago, Naya, Cuco e Sergio non eran da partida. Así as cousas todo presaxiaba un partido moi disputado e con prognóstico incerto.

Mais o Calvo rachou co guión previsto dende o inicio do encontro. Trinta minutos dun altísimo nivel de xogo ao que o seu rival non puido facer fronte traducíronse nun resultado ao descanso de 18 – 9 que deixaba visto para sentenza o partido. Non sería de recibo destacar a un nome por enriba doutro, porque foi o xogo en equipo o que sentenciou ao cadro pontevedrés a unha derrota sen paliativos.

As axudas na faceta defensiva, para desesperación dos xogadores cisneístas, foron unha constante por parte dos carballeses. Tal foi así que os verdibrancos foron quen de provocar dez faltas en ataque ao longo dos sesenta minutos, o que só é unha pequena mostra da actitude que tiveron no campo.

Non foi menos o traballo do ataque, que con moita velocidade de balón e sempre co obxectivo de dar un pase máis para deixar en posición vantaxosa ao compañeiro rompeu unha e outra vez o entramado defensivo pontevedrés. Nos primeiros trinta minutos ata sete xogadores carballeses foron quen de anotar algún gol, deixando de novo ás claras a importancia de xogar coma un equipo a este deporte.

O segundo tempo estivo de máis. O Calvo Xiria deixou pasar os minutos sen facer maior a ferida e o Cisne maquillou o resultado gañando por un gol este parcial.

A vindeira fin de semana, todo un derbi na zona escolar de Carballo, posto que será o OAR Coruña quen visite a pista do Vila de Noia para medirse ao Calvo Xiria. Será o sábado ás 18.00 h.