CLÍNICA DEZA LALÍN 36 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 26

XORNADA 16

16/02/2013

Clínica Deza Lalín: 36 (18+18): Xoan, José (4), Enrique (5), Tate (4), David (3), Jorge (7), Miguel (3) -equipo inicial- Fabián (3), Dani, Santi, Manuel (1), Marcos (1), Román (5), Dani .

Ifecgás Pereira Xiria: 26 (16+10): Zúpez, Anes (5), Martín (8), Javi (3), Julián, Rubén (1), Jorge (6) -equipo inicial- Iván (1), José, Edu, Alberto, Fidi, Óscar, Calvete (2)

Colexiados: Sergio Rodríguez e Andrés Rosendo.

Marabilloso e intenso encontro o que se puido ver o pasado sábado no Lalín Arena entre o primeiro e o segundo clasificados da categoría (Ifecgas Pereira Xiria e Clínica Deza Lalín respectivamente). Os dous equipos, separados tan só por dous puntos e cunha golaveraxe a prol dos carballeses de dous goles, conseguidos no partido de ida, xogábanse boa parte das súas aspiracións de ser campións a falta de sete xornadas para o remate da liga.

Os locais, que se xogaban moito máis que o seu rival, saíron animosos e tremendamente intensos ante os moitos seareiros que se deron cita nas bancadas do pavillón dezano. Os de Xiria, descoñecidos por completo na retagarda (son o equipo menos goleado do campionato), víanse superados polo ataque local. Non existía profundidade defensiva, nin traballo de disuasións e cometíanse erros sinxelos no cambio de opoñente, de aí que cada ataque dos de Lalín rematara con lanzamento a portería. Por contra, o Ifecgás Pereira mantiña o tipo no ataque posicional con permutas, cruces e moita mobilidade sen balón, rematados con acerto por Martín e Jorge no lanzamento final (sete e tres goles na primeira parte respectivamente). A igualdade estaba a ser máxima e así o certificaba os parciais que se tomaban cada dez minutos (5-5 o primeiro, 8-6 o segundo e 5-5 o último). O resultado no descanso, 18-16, deixaba todo por resolver cara a reanudación.

Comezaba o segundo acto e o Xiria metíase no partido, empatando o encontro (20-20), feito que obrigaba ao adestrador local a pedir un tempo morto. Cando parecía que os bergantiñáns estaban máis metidos no encontro, comezaba un cúmulo de erros que regalaba aos de Lalín unha vantaxe que xa ía ser insalvable; dúas faltas en ataque, tres balóns perdidos e un erro no lanzamento, facía, en apenas cinco minutos, que os de Carballo perderan todo o que conseguiran en trinta e cinco. O parcial de 6-0 nese intre, matou ao Ifecgas Pereira Xiria, que padeceu un curtocircuíto nos últimos dez minutos, desaparecendo da pista e sufrindo un duro parcial de 6-2 para establecer unha diferenza para os de casa xamais pensada.

Esta diferencia, deixa aos dous equipos empatados a puntos no primeiro posto da clasificación, pero ao Clinica Deza como líder do campionato pola golaveraxe. O Ifecgás Pereira deberá agardar un tropezo dos dezanos para repetir título galego, algo sumamente difícil pola poucas xornadas que quedan, aínda que non imposible dado o complexo calendario que afrontan os de Lalín. De calquera xeito, o obxectivo dos bergantiñáns é gañar os seis partidos que quedan para acadar como mínimo ese subcampionato, que pode dar tamén acceso directo para o campionato de España.

A vindeira fin de semana, o primeiro destes seis partidos, nada máis e nada menos que un dos derbis provinciais, o que enfrontará ao Ifecgás Pereira Xiria co Bm. Ártabro. O encontro disputarase o domingo no Vila de Noia carballés ás 12:15 h.