PORTADEZA LALÍN 37 – GRUPO LEMACO XIRIA 29

XORNADA 16

16/02/2013

Portadeza Lalín: 37 (18+19): Antonio, Román (10), Dani (6), Uxío (1), Aaron (4), José (3), Álvaro (4) -equipo inicial- Oscar (2), Pablo (2), Javi (1), Iago (2), Antonio (2).

Grupo Lemaco Xiria: 29 (13+16): Buño, Iván (3), Dani(2), José (3), Gabriel (1), Enrique (12), Lolo (7) -equipo inicial- Jorge, Calvo (1), Pablo, Andrés, Álex, Borja, Diego.

Colexiados: Andrés Rosendo e Sergio Rodríguez.

O Grupo Lemaco Xiria viaxaba a Lalín para enfrontarse ao líder da categoría nun choque importantísimo e directo, onde os de Carballo queimaban o seu último cartucho para aspirar ás primeiras posicións da clasificación.

O encontro comezou cun equipo local moito máis metido no partido, serio e intenso nas súas accións e sen intención de dar ningunha oportunidade ao rival. O Portadeza amosaba un xogo dinámico e disciplinado no ataque e vertical e contundente nas transicións. Por contra o Grupo Lemaco entraba frío e sen ritmo ao parqué do Lalín Arena, errático e irregular nas súas accións, concedía demasiadas facilidades ao equipo dezano. A superioridade local nos primeiros trinta minutos foi máis que evidente e, deste xeito, marchaban cun resultado moi cómodo cara os vestiarios que poñía as cousas moi complicadas para os bergantiñáns na reanudación (18-13).

A segunda metade non foi distinta á primeira, non houbo reacción dos de Xiria e o Portadeza Lalín dominou o xogo e o tempo do partido ao seu antollo. Faltoulle ritmo competitivo ao equipo carballés no día de hoxe, que estivo moi por debaixo das súas prestacións habituais e do xogo do Portadeza, que se fixo cos dous puntos en xogo dunha maneira máis sinxela da que se podía pensar antes do inicio.

Así, o Grupo Lemaco Xiria queda xa lonxe das primeiras prazas e perde a cuarta posición en favor do Octavio de Vigo, que se sitúa por diante dos de Carballo grazas á súa mellor golaveraxe.

Na vindeira xornada, o Grupo Lemaco Xiria recibe, nun dos derbis provinciais da categoría, ao Bm. Ártabro, coa intención de obter dous puntos que poidan achegar aos carballeses á terceira posición da táboa. Será o domingo ás 10.30 h no Municipal Vila de Noia de Carballo.