DECORACIONES J. BELLO XIRIA 32 – BM. MOAÑA 31

Decoraciones J. Bello Xiria: 32 (14+18): Jorge, Iván (8), Julián (8), Diego, Alberto (4), Enrique (6), Lolo (4) -equipo inicial- Miguel, Óscar (2) ,Raúl, Buño, Fran.

Bm. Moaña: 31 (15+16): Ángel, Carlos (4), Abel (10), Borja (7), Victor (3), Juan (2 ), Dani (2) -equipo inicial- Sergio, Fernando, Piñeiro, Xesus (2), Karl, Rial (1).

Colexiados: Pablo González e Rafael Iglésias.

Pobre partido o realizado polos dous equipos que se enfrontaron no Vila de Noia de Carballo o pasado domingo. A falta de intensidade e concentración, sobre todo en tarefas defensivas, marcou en demasía o saber facer dos carballeses que non tiveron o seu mellor día fronte un equipo inferior.

A primeira parte foi de dominio local no electrónico, pero o xogo era espeso e con pouco ritmo. A vantaxe moveuse durante todo o periodo nos dous ou tres tantos de diferenza a prol dos de Xiria, pero as perdas de balón, os erros cometidos en lanzamentos sinxelos e os erross nas zonas exteriores da retagarda non deixaban que estes ampliaran unha diferenza que podía ser definitiva. Tanto xogar con lume e os de casa queimáronse nos últimos minutos deste primeiro acto, cando os de Moaña se adiantaban no marcador para ir con vantaxe mínima ao descanso, 14-15.

Na segunda metade, o J. Bello non melloraba as súas prestacións e agora era o Bm. Moaña o que comandaba o partido con guarismos que case sempre se movían nos dous tantos de diferenza, debido sobre todo á maior intensidade que estaban a demostrar no parqué. Os dous equipos estaban a ser imprecisos nas súas accións e os erros propiciaban que os de Carballo puideran adiantarse no marcador cando o envite xa tocaba ao seu fin. Este feito sería definitivo para que os bergantiñáns conseguiran dous novos puntos que os deixa de forma clara na sexta posición da táboa clasificatoria cunha diferenza de cinco sobre o seu inmediato perseguidor que precisamente é o Bm. Moaña.

A semana que ven o J. Bello Xiria xogará uns dos dérbis provinciais, neste caso rendera visita ao Balonmán Ártabro.