DECORACIONES J. BELLO XIRIA 34 – PORTADEZA LALÍN 36

Decoraciones J. Bello Xiria 34 (16+18): Buño, Iván (9), Julián (10), Diego(1), Alberto, Enrique (7), Lolo (6) -equipo inicial- Miguel,Raúl, Jorge, Fran, Óscar(1).

Portadeza Lalín 36 (21+15): Dani, Duarte (7), Pedreira (6), Jorge (6), David, Xoán (8), Antonio -equipo inicial- Marcos (6).

Colexiados: Abel Juncal e Manuel Currás.

O Decoraciones J. Bello Xiria perdeu unha oportunidade única para derrotar ao Portadeza Lalín, equipo que vai a ser campión galego ao remate da competición e que conta os seus encontros por vitorias.

Os visitantes acudían a Carballo con moitas baixas no seu equipo, tantas que só contaban con oito xogadores e mesmo un dos porteiros tivo que disputar minutos como xogador de campo para darlle descanso aos seus compañeiros.

Pero os locais saíron cunha mentalidade derrotista que se fraguara durante toda a semana, dada a superioridade do equipo do Deza. De feito o partido comezou cun 1-4 de parcial para os de Lalín que superaban unha e outra vez a indolente defensa dos carballeses. Faltaba intensidade, concentración e talante competitivo para frear as acometidas dos campións galegos e a falta de xogo combinativo en tarefas atacantes regalaba sinxelos contragolpes para o equipo da provincia de Pontevedra. Deste xeito, o Balonmán Lalín, sen ter que facer un gran esforzo, retirábase aos vestiarios ao remate dos primeiros trinta minutos cun parcial de 16-21. De novo, os erros defensivos eran o lastre que lapidaba as esperanzas dos bergántiñáns, que están a encaixar demasiados goles.

Na segunda metade, os visitantes baixaron o ritmo do encontro, sabedores da súa falta de efectivos e da pouca intensidade mostrada no día de hoxe polos locais. O encontro estaba a ser plácido para eles e aguantaban as diferenzas cómodas entre os catro e cinco goles. Foi no último tramo, cando un par de exclusións e a excesiva confianza do equipo dezano meteu ao J. Bello no encontro, tanto que os carballeses se puxeron por diante no marcador. Tan só foi un espellismo, o Lalín reestruturou o sete que estaba no campo; o porteiro, que estaba disputando minutos como xogador, volvía á portería e Pedreira, o seu mellor home en ataque, saía de descansar no banco e saltaba de novo a pista. Isto foi suficiente para que o equipo lalinés tomara de novo a dianteira. O Xiria, que agora si quería plantar cara e mostraba certa intensidade, quedábase sen tempo nese empuxón final de partido.

Unha mágoa, se temos en conta a oportunidade que os locais deixaron escapar, pero sen dúbida unha boa lección para estes xogadores en formación cara ao futuro.

Na vindeira xornada o Decoraciones J. Bello Xiria xogará na pista do Bm. Pabellón de Ourense, sábado ás 11.00 h no Pavillón Municipal dos Remdios. Os dous puntos en xogo fanse imprescindibles, xa que os de Carballo acaban de perder o sexto posto da clasificación en favor do Balonmán Ártabro.