Defende o liderado o Calvo Xiria en Pontevedra
Viaxe a Pontevedra este sábado para o Calvo Xiria na 26ª xornada de liga, ante si terá ao Balonmán.com dende as 19:30 no Pavillón Municipal de Deportes. Pouco terá que…

Viaxe a Pontevedra este sábado para o Calvo Xiria na 26ª xornada de liga, ante si terá ao Balonmán.com dende as 19:30 no Pavillón Municipal de Deportes. Pouco terá que ver o partido co disputado na primeira volta en Carballo pois os pontevedreses son un dos equipos que máis muda a súa faciana cando xoga na casa. A capacidade de xogo da súa primeira liña e o xogo co pivote serán dous puntos claves que deberán vixiar moi ben os carballeses se queren traerse os puntos en xogo. Tentarán os verdinegros de impor o seu ritmo de xogo para que os locais non se sintan cómodos na pista. Ca alta definitiva de Iago, Julián e Pablo o conxunto carballés poderá contar con todos os seus efectivos.
Despois de dúas xornadas lonxe de Carballo, o Garaysa Xiria xoga o domingo 10 ás 12:00 no Vila de Noia. Afronta un choque de suma importancia de cara ás aspiracións para o campionato Estatal contra o Cisne de Balonmán. As gañas e ilusión coa que xogan estes mozos carballeses, será o que lles levará á loita polos dous puntos. O Cisne dispón dun bloque sólido, polo que haberá que buscar solucións a súa defensa 5:1 e será tarefa de todos o repregamento defensivo ante a rapidez ao contraataque dos seus extremos. Ás 10:30 e tamén no Vila de Noia xoga o Marmolería José Rey Xiria contra o Bm. Ártabro. Logo de que a semana pasada os locais gañasen dun gol con penalti nos segundos finais, tratarán de estar máis acertados na faceta goleadora e seguir traballando defensivamente como o veñen a facer nas últimas semanas.
E xoga, tamén o domingo ás 12:30 no Lalín Arena, o conxunto cadete Grupo Lemaco a segunda xornada da Copa Federación. Tentarán os carballeses aumentar a intensidade defensiva respecto ao encontro da semana pasada para poder facerse cos puntos ante un equipo que en ningún momento baixa a garda.
Por outra banda, o sábado os equipos alevíns e benxamíns desprazaranse a Zas para disputar ao longo da mañá unha nova xornada de minibalonmán.
