Derbi para o Grupo Lemaco fronte ao Oar Coruña
Grupo Lemaco Xiria 31 – Oar Coruña 23 (12-14) Demasiadas complicacións para un Grupo Lemaco falto de confianza no seu ataque e con demasiadas lagoas na defensa, ante un Oar…

Grupo Lemaco Xiria 31 – Oar Coruña 23 (12-14)
Demasiadas complicacións para un Grupo Lemaco falto de confianza no seu ataque e con demasiadas lagoas na defensa, ante un Oar que fixo unha moi boa primeira metade pero que se afundiu na segunda.
Demasiada precipitación e individualidade nun deporte de equipo nunca son boas, e o está a pagar o grupo Lemaco nestas derradeiras xornadas. Non é quen de amosar a súa superioridade de calidade por querer definir ante o rival demasiado rápido, o que permite aos contrarios meterse e loitar en partidos que deberan ser máis cómodos para os carballeses.
Dominou no marcador o Oar na primeira metade, o Grupo Lemaco desaproveitaba cada ocasión que tiña para igualar o choque, o que pesaba dobremente, pois pasaba factura en defensa. O ritmo de ataque lento do Oar facía desesperar aos carballeses que non recuperaban balóns claros e cedían oportunidades de lanzamento. En ataque as precipitacións sucedéronse fallando moito ante a portería coruñesa.
Con outra cara saíu o Xiria na segunda metade, máis anticipación defensiva e maior ritmo e desprazamento do balón en ataque, buscando sempre ao xogador desmarcado. O partido tornou nun cambio brusco, o Xiria gustábase en ataque e pola contra o Oar víase asfixiado e sen ideas no ataque propiciando balóns claros para a contra dos locais, que foron abrindo diferenza no marcador ata ese 31 a 23 final.
Grupo Lemaco Xiria 31 (12): Diego Lema e Julio Ferreiro (porteiros) Iker Martínez 3, Mario Cancela, Dani Mallo 8, Franco Rial, Juan Pereira, Mario Rincón 1, Diego Antelo 2, Carlos Varela, Aaron Rodríguez 1, Brais Vila 5, Alex Gómez 4, Iago Rincón 7 e Fernando Mallo.
Oar Coruña 23 (14): Alvaro Deus (porteiro) , Mateo Martínez 1, Diego Piñeira 4, Cesar Freire, Alvaro Sarandeses 2, Pedro González 4, Marcos Sánchez 2, Juan González 2, Lucas Lombro 5 e Antón Moguín 3.
Marcador cada 5 min: 2-3/ 5-6 / 6-7/ 9-10/ 11-12/ 12-14/ 15-16/ 16-19/ 22-20/ 26-20/ 29-21/ 31-23
Arbitraron: Blanca Vázque e Cristina Olleiros, sen complicacións





















