Derbi provincial para o Calvo Xiria
Derbi para o Calvo Xiria que visita o Pavillón de San Francisco Javier da Coruña para xogar ante o OAR este sábado ás 18:30. Duelo entre dous equipos que esta…

Derbi para o Calvo Xiria que visita o Pavillón de San Francisco Javier da Coruña para xogar ante o OAR este sábado ás 18:30. Duelo entre dous equipos que esta tempada firman unha traxectoria moi similar ata o de agora. O conxunto coruñés reforzouse con xogadores con experiencia na categoría, entre eles o carballés Hugo Rodríguez que o pasado ano militaba no Calvo Xiria. Como todo duelo comarcal semella que tanto a igualdade coma o espectáculo na pista e nas gradas están garantidos.
O Calvo Xiria contará para este partido ca mesma convocatoria que nas pasadas xornadas, xa que Ramón arrastra molestias na súa man mancada e non é seguro o seu concurso. Deben tentar os carballeses minimizar os erros en ataque non dando opcións a correr ao seu rival e defender ao nivel da pasada xornada ante o Chapela se queren sumar dous novos puntos nesta xornada. O partido estará dirixido por Soraya Abelenda Martínez e Ana Correa Araújo do colexio galego.
Xoga o equipo sénior feminino do Goldie Xiria en Ourense, nun partido no que non debe desaproveitar a oportunidade para sumar dous novos puntos no enfrontamento ante o Campus Auria, que non coñece a vitoria no que vai de liga, será o domingo a partir das 12 da mañá no Polideportivo da Universidade. O encontro presentase propicio para as carballesas, ante o rival máis frouxo do grupo, peso a elo, non deben fiarse e deberán saír concentradas dende o comezo. A velocidade que se imprima ao balón en ataque, as saídas ao contraataque unido á boa defensa realizada nos anteriores partidos, serán as armas que debe utilizar o Goldie para disputar un encontro cómodo. O equipo segue sen poder contar con Marta, quedando a convocatoria do seguinte xeito: Brenda Noya e Aida Cangas (porteira) Juana Garrochena, Natalia Solís, Zeltia Landeira, Tamara Pombo, Jéssica Posse, Sara Pombo, Cristina Gende, María Gómez, Adriana Gómez, Patricia García e Raquel Gómez.
Nas categorías base, o sábado, os cadetes e xuvenís das Escolas Balonmán Xiria, viaxarán a Lalín para disputar a cuarta xornada da División de Honra no Lalín Arena. Os cadetes do Grupo Lemaco, intentarán conseguir a súa terceira Vitoria consecutiva e deste xeito, vixiar de preto os postos máis altos da táboa clasificatoria. O encontro, que dará comezo as 12:30, promete presentar serias dificultades para os de Carballo, tal e como soe acontecer en terras do Deza. Pola súa parte, os xuvenís, líderes invictos, terán que amosar a súa mellor faciana se queren bater ao BM. Lalín, un dos favoritos ao título e dos escollos máis fortes que presenta esta categoría. O encontro comezará as 11:00h sendo dúbida para o mesmo Damián Rodríguez, cunha escordadura de nocello que se fixo na anterior xornada.
Na categoría infantil entran en liza os dous equipos do club. Por unha parte o Garaysa Xiria viaxará nesta 4ª xornada á pista do Bm. Carballal, 4º clasificado na táboa que ven de gañar ao Rasoeiro. O encontro será o domingo ás 12:30h no Pavillón de Loureiro.O adestrador non poderá contar con Manuel, baixa por enfermidade, pero si estará Miguel, do equipo de 2ª División, que sen dúbida axudará ao equipo como xa o fixo no derradeiro partido. Xa na categoría de 2ª autonómica o Marmolería José Rey Xiria comezan este Sábado a competición ante o Bm. Lucus. O encontro será ás 10:15 no Pavillón Municipal Vila de Noia, e nel o equipo tentará aproveitar a condición de local para poder estrearse con vitoria.
