Derradeiro partido do ano no Vila de Noia

Xoga o Calvo Xiria este sábado ás 18:00 no Vila de Noia o derradeiro partido deste ano ante o Granitos Ibéricos, nun encontro, no que a pesar da diferenza da clasificación, non se pode relaxar o máis mínimo o conxunto carballés se quere obter os dous puntos en xogo, pois os vigueses están a amosar unha moi boa progresión nos últimos partidos acadando vitorias que os sacaron dos postos de descenso.

Tentarán os xogadores carballeses despedirse dos seus seareiros, non xogarán na casa de novo até o 14 de Xaneiro, cunha vitoria cimentada na solidez defensiva necesaria para permitir o xogo de contraataque. Tamén deberá amosar unha maior eficacia que a pasada xornada no lanzamento para evitar que o seu rival teña opcións de marcar goles sinxelos. A velocidade do balón no eido ofensivo será fundamental ante un rival que gusta de romper unha e outra vez as dinámicas ofensivas que lle plantexe o equipo contrario para conseguir que a grazas á colaboración entre blocaxe e porteiro os seus rivais non atopen comodidade  na finalización.