Derrotas dos equipos de Garaysa Xiria nunha fin de semana esixente

Derrotas dos equipos de Garaysa Xiria nunha fin de semana esixente

Os equipos de Garaysa Xiria viviron unha xornada de contrastes, con dous partidos moi diferentes en desenvolvemento pero igual de esixentes.

No primeiro encontro, disputado na pista do Liceo La Paz, o Garaysa Xiria B caeu por 48-27 ante un rival que se mostrou moi superior, especialmente no apartado físico. Os locais impuxeron o seu ritmo dende o inicio e aproveitaron cada erro para ampliar diferenzas. A pesar do marcador, os carballeses plantaron cara durante todo o partido, competindo con entrega e sen deixar de loitar en ningún momento.

Xa na mañá do domingo, o Garaysa A viaxou ata Cangas coa oportunidade de colocarse líder da Liga Prata en caso de vitoria. O encontro foi moi igualado e vertixinoso, con constantes ataques e contraataques. Ao descanso, os de Carballo perdían por catro goles (19-15), pero na segunda metade reaccionaron con carácter, chegando a poñerse dous goles por diante. Nos minutos finais, a precipitación e pequenos detalles decidiron o choque, que acabou cun axustado 39-38 a favor do conxunto local. O Garaysa Xiria A pecha así a xornada na 4ª posición, a dous puntos do liderado, mantendo intactas as súas aspiracións e demostrando que pode competir ante calquera rival.

A vindeira semana o Garaysa Xiria B descansará e o Garaysa Xiria A recibirá na mañá do sábado ao Seis do Nadal.