Dous puntos ante un rival directo
Trouxo o Calvo Xiria os dous puntos do Lalín Arena, mais non sen sufrimento esforzo, ante un rival que traballou tamén a reo para levarse o botín que estaba en…

Trouxo o Calvo Xiria os dous puntos do Lalín Arena, mais non sen sufrimento esforzo, ante un rival que traballou tamén a reo para levarse o botín que estaba en xogo, pero que caeu ante o equipo carballés que no segundo tempo foi quen de anotar 21 goles.
Logo duns minutos de igualdade absoluta, o Embutidos Lalinense fíxose co mando do encontro. Os carballeses non tiñan clarividencia no seu ataque con pouca velocidade de balón ante a proposta defensiva dos dezáns, e cando conseguían unha posición clara para lanzar aparecía a figura de Durán para evitar que o balón rematase dentro da súa portería. Coa negación absoluta de cara ao gol, agás Sergio Facal autor de 12 goles durante o partido, o Calvo Xiria tratou de minimizar a diferenza no marcador en base a defender, co gallo de manterse vivo até o paso polos vestiarios para tratar de recompoñer a súa situación ofensiva.
Dende logo que o conseguiu, nun segundo tempo con moitísimo máis dinamismo no xogo, tanto que levou aos locais a trocar a súa defensa, con moito máis tino no lanzamento, 21 goles neses trinta minutos falan ben ás claras do acontecido na pista, e con Iago Gómez amargando a tarde dos lanzadores do Lalín. Sae moi reforzado deste envite o Xiria, pois levantar un resultado negativo como o que levou ao tempo de lecer, non tanto no marcador coma nas sensacións de xogo, e retomar o seu guión outorga aos seus xogadores un plus de confianza vital para afrontar os próximos encontros.
Incidencias: Partido disputado no Lalín Arena ante 300 seareiros con preto dun centenar de carballeses que non deixaron de animar aos seus durante os sesenta minutos. Colexiados: Fernando Iñán Arias e José Manuel García Olavarrieta do colexio cántabro. Castigaron con exclusión polo Bm. Lalín a Bruno Fernández (13´), Aser Pereira (24´) e Roberto Álvarez (34´) namentres polo Calvo Xiria foron sancionados Brais Puñal (11´, 27, 43´) e Sergio Facal (26´, 38´). 7 metros Bm. Lalín 3//4 Calvo Xiria 2//3.
Marcador cada 5 minutos: 3-3, 6-5, 8-7, 10-7, 10-9, 13-11, descanso, 14-13, 15-16, 18-20, 19-24, 24-27, 26-32.
EMBUTIDOS LALINENSE BM. LALÍN 26 (13+13): Carlos Durán [p], Pablo Pedreira [p], Iago González [p], Ramón Gil (5), Gustavo Lázara (3), Adrián Crespo, Lucas Enríquez, Aser Pereira, Martín Iglesias (3), Bruno Fernández (1), Óscar Gil, Duarte Batán (7), Alexandre da Costa (2), Antonio Blanco, Roberto Álvarez (5), Adrián Losón.
CALVO XIRIA 32 (11+21): Santiago Gómez [p], Antonio Mato [p], Alejandro Calvete, Brais Puñal, Manuel Méndez (2), Sergio Facal (12), Uxío Batán (5), Martín Alfeirán (6), Julián López, Carlos Vilanova (2), Jorge Bouzas, Pablo Iglesias (3), Javier Rodríguez, Miguel Suárez-Pumariega, Gonzalo Pombo, Hugo Rodríguez (2).


