Duelo de altura co liderato en xogo

Duelo de altura co liderato en xogo

Este próximo fin de semana, avecíñase unha xornada de enfrontamentos de altura en Escolas Balonmán Xiria. Se a iso engadimos que na maioría dos casos son os últimos encontros antes do parón do Nadal, poderemos asegurar que estaremos ante unha xornada de gran emoción e tensión competitiva.

O envite que atrae a maior expectación, é o choque que o Sábado protagonizarán o Calvo Xiria e Acanor Atl. Novás (Pavillón Vila De Noia 18:00 h) e é que se os rosaleiros son líderes da competición, os carballeses son segundos a un só punto destes, o cal nos indica que á parte de ser un dos mellores partidos que se poden ver na categoría, o primeiro posto estará en xogo. Esperase un gran ambiente de balonmán tanto na pista como nas bancadas, xa que numerosos seareiros dos visitantes desprazaranse desde O Rosal para unirse ás altas previsións de afluencia por parte da afección de Carballo.

A continuación do partido senior masculino, entrarán en liza o Goldie feminino (Pavillón Vila de Noia 20:00 h), que recibe ao conxunto da SAR, un equipo que se mostrou superior ás carballesas no encontro de ida e ao que estas queren devolverlles a mesma moeda no último envite do ano.

Os conxuntos de División de Honra, pola súa banda, desprázanse a Vigo para enfrontarse ao Seis Do Nadal en infantil, cadete e xuvenil. Mentres os infantís e cadetes liquidaron con solvencia e de forma avultada os enfrontamentos da primeira volta, os xuvenís perderon de maneira clara, co que se preveen choques moi diferenciados nas tres categorías. Os encontros levaranse a cabo o Sábado no pavillón de Coia, iniciando os xuvenís (10:00 h), despois os cadetes (11:30) e por último os infantís (13:00 h).

Seguimos no Sábado e tamén pola mañá:

en categoría alevín, Xiria A e Xiria B disputarán un duelo entre amigos que promete ser un encontro cun ambiente especial na pista e as bancadas (Pavillón CEIP Fogar 11:00), pero os máis madrugadores serán tamén os máis pequenos (Pavillón CEIP Fogar 10:00), xa que os benxamíns de OAK e Clínica Dental Pico Branco, tamén se enfrontarán entre eles na competición de Copa Delegación de BM5. Pola súa banda, o Punta Del Este feminino tentará terminar o ano coa súa marcadora de derrotas en branco e para iso debe de impoñerse ao BM. Lucus ás 12:30 no pavillón do colexio.

Os outros conxuntos masculinos e femininos de 2º División, competirán o Domingo:

Mentres os nenos de Hierros Varela Urbieta desprázanse a Santiago para enfrontarse ao Ribadosar Táboa Asesores coa intención de terminar o ano no magnífico estado de forma polo que atravesan (Pavillón Quiroga Palacios 11:25), as nenas do Garaysa farano a Culleredo para enfrontarse ao equipo desta localidade e referendar, do mesmo xeito que os cadetes, a súa progresión no xogo despois duns inicios máis dubitativos (Pavillón Almeiras 11:00 h). Baixarán o pano desta xornada os infantís masculinos do Marmolería J. Rey no mesmo escenario e contra o BM. Culleredo Constru. Pereiro coa ilusión de terminar o ano sumando dous importantes puntos (12:30 h).