XORNADA 8
14/11/2009 EL CANARIO CATERING 36 – CALVO XIRIA 30
El Canario Catering 36 (17+19): Kustov, Iago (6), Adolfo (5), Nico (3), Miguel (2), Pablo (3), Chema (10) -equipo inicial – Fran, Rubén (4), Ángel, Manuel, Adrián e Roberto (3).
Calvo Xiria 30 (18+12): Quique, Cuco (4), Ángel (1), Alberto (11), Ramón, Christophe (1) e Jesús -equipo inicial- Iago, Zas (3), Chimpo (2), Pablo (3), Manu (1) e Iván (4).
Colexiados: Srs. Juan José Bajo e Alberto Jesús Benegas do colexio extemeño.
Parciais: 2-2, 6-4, 9-9, 10-12, 15-15, 17-18, 22-20, 25-21, 28-23, 30-26, 32-27, 36-30
Non puido traer nada positivo, no apartado clasificación, o Calvo Xiria da visita que fixo a Capela para medirse ao El Canario Catering a pasada fin de semana. Logo duns primeiros trinta minutos nos que os carballeses remataron cunha vitoria parcial de 17-18, unha serie de erros consecutivos permitiron ao conxunto pontevedrés levar a iniciativa no marcador no segundo tempo para, finalmente, rematar gañando o partido por 36 goles a 30, conseguindo así dous puntos que o sitúan na primeira posición da táboa tras do tropezo do OAR na Coruña ante o Bm. Cisne.
Os primeiros trinta minutos foron unha exhibición ofensiva por parte dos dous equipos que utilizaron as súa mellores armas para subir goles ao marcador dun xeito continuo, deparando un bo partido para os seareiros. Debemos salientar a presenza dun bo número de seguidores carballeses nas gradas do Municipal de Chapela. Por parte local a capacidade de lanzamento a longa distancia unida á superioridade física dos seus pivotes facían que os esforzos do Calvo en defensa non tivesen froito. Tampouco estivo a bo nivel a defensa local que non era quen de frear a velocidade de balón do ataque carballés, no que os goles se repartían entre moitos efectivos nun xogo sinxelo pero moi eficaz. Só a boa actuación de Kustov impediu que o Xiria marchase ao vestiario cunha diferenza superior.
A segunda metade iniciouse igual, pero, do minuto 40 ao 50 de partido, o conxunto do Calvo cometeu demasiados erros ante a defensa do Chapela que aumentou as súas prestacións -ao igual que o porteiro local Igor Kustov- e impuxo a súa experiencia tirando bo proveito dos balóns que recuperou e que remataron en goles cómodos en contraataque.
Aínda tivo tempo o Xiria para a reacción tendo dúas posesións para situarse a dous goles con preto de oito minutos por disputarse, pero a mala finalización en situacións moi cómodas fixo cortar de raíz as súas aspiracións. No lado positivo sitúase no bo facer do ataque carballés ao longo de corenta minutos, xa que mentres mantivo a mobilidade de balón e xogadores, renunciando a precipitacións e lanzamentos fora de lugar, estivo a un bo nivel.