IFECGÁS PEREIRA XIRIA 29 – CAIXANOVA OCTAVIO 36

Ifecgás Pereira Xiria 29 (16+13): Naya, Brais (7), Zas (6), Iago (7), Jorge Viñas, Antón (2), Dani (2) –equipo inicial- Miguel (5), Bisbi, Jorge Docampo, Martín, David Álvarez, Adrián, David García.

Caixanova Octavio 36 (17+19): Eduardo, Pablo (8), Antonio (6), Andrés (3), Adrián (4), Rubén (2), Jesús (2) –equipo inicial- Diego (5), Miguel (2), Mouriño (1), Veloso (1), Chantada, Joaquín, Germán (2).

Colexiados: Agustín Álvarez e Jorge Martínez.

O Ifecgás Pereira Xiria recibía na sétima xornada de liga na División de Honra Xuvenil a visita do Caixanova Octavio de Vigo, un dos favoritos ao título.

O equipo carballés comezou o encontro con unha boa intensidade, parecía un equipo totalmente diferente ao que perdera en Pontevedra había tan só sete días. A forte defensa e a actitude que se vía non tiña nada que ver coa de aquel partido, e iso era bo para os de casa. De todos modos prevíase un encontro moi longo, no que había que manter a concentración durante todo o choque, dado o nivel do conxunto rival. Grazas ás paradas do seu porteiro e á calidade dos seus xogadores, o Octavio mantivo vantaxes curtas durante toda a primeira parte. Pero os mellores trinta minutos do Ifecgás Pereira no que vai de campionato facían manter as ilusións cara a reanudación, xa que no intermedio os de Carballo só estaban un tanto por debaixo no electrónico, 16-17.

A reanudación foi intensa e vibrante, tanto como o fora a primeira metade e o espectáculo que se estaba a vivir era notable e así o reflectían as dúas afeccións presentes no pavillón. O marcador parecía que definitivamente ía favorecer aos de Vigo, xa que semellaba que os de casa desfalecían un pouco e non eran capaces de competir coa maior profundidade de banquillo que tiñan os visitantes. Mediada a segunda parte o Octavio vigués alcanzaba unha diferencia de catro goles que xa foi imposible de remontar, aínda que os xogadores carballeses o tentaron por todos os medios.

En liñas xerais, o partido deixa boas sensacións para futuros compromisos do Ifecgás Pereira Xiria, xa que foi quen de competir cara a cara cun equipo, o vigués, chamado a loitar polo título final.

A vindeira fin de semana o Ifecgás Pereira Xiria terá outro complicado encontro na pista da SD Teucro de Pontevedra, outro dos conxuntos que están a loitar na zona alta da clasificación.