Gran partido do Calvo Xiria, amosando un tesón e un desexo de gañar enormes, cos que conseguiu facerse cun empate que deixa un moi bo sabor de boca entre os verdibrancos. O seu rival, Bm. Chapela, que chegaba invicto e co cartel de ser un dos máximos favoritos ao ascenso non puido co ritmo dos locais.
Quedou patente nos primeiros minutos o que desexaba facer cada equipo no encontro, os vigueses impor a súa altura e peso cun xogo lento e parando o encontro cada pouco e os carballeses querendo correr e facendo que o seu rival fose detrás do balón en defensa. Logo dos primeiros compases o Calvo Xiria fíxose co mando do partido, con diferenzas de dous goles que chegaron de aproveitar a velocidade no xogo sen balón dos seus con Manuel sendo un pesadelo para os defensores centrais do 6:0 visitante. Pero tirou proveito o Chapela da entrada dos xogadores máis xoves carballeses, aos que a maior parte da plantilla viguesa dobra en anos e por suposto en experiencia, para ir recuperando o terreo perdido e rematar o primeiro acto tres goles por enriba. Ata o minuto vinte do segundo tempo semellaba que os dous puntos voarían cara a Vigo, xa que a cinco goles de vantaxe e unha defensa que facía o que lle daba a gana había que engadirlle a experiencia dos seus xogadores para ver un panorama moi negro. Mais o Calvo Xiria recolleu o froito do traballo feito anteriormente, a súa defensa comezou a recuperar balóns e afogar aos visitantes que non tiña resposta a un novo aumento na velocidade de xogo. Un parcial de 7 – 2 pechou o partido e supuxo un punto, puideron ser dous se o criterio dos sete metros fose o mesmo nas dúas áreas, que devolve a confianza aos carballeses logo do mal resultado da xornada pasada, e que segue a contar ca baixa de Ramón que é moi posible que tampouco sexa da partida para a xornada do derbi provincial do vindeiro sábado ante o OAR.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal Vila de Noia ante 400 espectadores. Marcador cada cinco minutos: 1-1, 3-4, 7-6, 10-8, 10-12, 10-13, descanso, 12-15, 14-17, 14-19, 16-21, 21-22, 23-23.
Colexiados: Pablo Álvarez Vázquez e Lucas Crespo López do colexio galego. Excluíron a Sergio (40´), Manuel (55´), ao adestrador Marcos Rodríguez (28´e 55´) e ao Delegado J. Antonio Rodríguez (60´) nos locais e a Pablo (27´e 39´), Jorge (38´e 53´), Enrique (52´) e David (57´) nos visitantes. Sete metros: tres a prol do Calvo Xiria e seis a prol do Bm. Chapela.
CALVO XIRIA (29: 15 + 14): Alejandro Naya [p], Sergio Facal (2), Javier Rodríguez, Martín Alfeirán (3), Brais Puñal, Manuel Méndez (7), Jorge Bouzas (2), Martín Gómez [p], Alejandro Calvete (1), Pablo Iglesias (7), Mario García de Seárez, Gonzalo Pombo (1), Julián López, Iván Campos.
CONSTRUCCIONES CASTRO BM. CHAPELA: Jesús Soliño [p], Javier Carrera (3), Francisco López (4), Fabián González, Iago Cuadrado (2), Miguel Sío, Jorge Fontenla (7), Daniel González [p], Ángel Martínez (4), David Escudero (1), Pablo Casal (1), Leonardo Domínguez, Enrique Domínguez (1).