Épica vitoria do Xiria Laber en Porriño

O equipo xuvenil de Escolas Balonmán Xiria, consegue teminar a primeira volta do campionato na segunda posición da táboa clasificatoria, a catro puntos do Teucro, lider do campionato. Os carballeses, con nove vitorias no seu haber e tan só dúas derrotas, ocupan este lugar de privilexio grazas, entre outras cousas, á vitoria deste fin de semana en Porriño.

O duelo contra o BM.Porriño, foi un duelo intenso, dinámico, vibrante e igualado ata o final. Un deses encontros que fan afección, independentemente das cores aos que se represente. O desenlace, soberbio, extraordinario, a semellanza do envite, cando co tempo a cero e desde un golpe franco directo, Damián conseguía un sorprendente gol que posibilita que os dous puntos viaxen ata Carballo.

Os verdibrancos, mantivéronse por diante no marcador durante todo o partido e desde os inicios do mesmo, aínda que as distancias sempre foron mínimas entre dous equipos que ofreceron un duelo cun alto ritmo de xogo. A defensa 3-2-1 dos locais, se atragantaba nun principio aos xogadores bergantiñáns, excesivamente estáticos e abusando do xogo con balón. Cando o ataque destes comezou a ser máis disciplinado e solidario en canto ás respostas sen balón, os espazos apareceron e as tomas de decisión foron mellores. Os desdobramentos da primeira liña e as medias circulacións dos extremos, así como o traballo do pivote no pase e vai e os deslizamentos, ofreceron multitude de opcións no lanzamento final desde posicións óptimas. Un parcial de 1-3 nas postrimerías da primeira parte, con un Diego Gago inconmensurable, daba vantaxe mínima aos de Xiria  no tempo de descanso (9-10). De calquer xeito, as perdas de balón (13 en todo o partido) e os erros no lanzamento dende a liña do seis metros, estaban a penalizar moito aos de Carballo, impedindo, en momentos cruciais, ampliar a vantaxe a algarismos que permitisen unha maior tranquilidade. Deste xeito, o encontro avanzaba cara á o inevitable, un desenvolvemento final agónico, repleto de incerteza e tensión que se resolvería con tempo a cero e dunha forma tan inusual como indicabamos ao principio desta crónica.

Desta forma, o Xiria Laber termina o 2014 e a primeira volta do campionato nun excelente segundo posto  na táboa clasificatoria, xa que a próxima semana a xornada queda aprazada debido a compromisos da selección galega xuvenil. A competición, renovarase xa no novo ano, concretamente o fin de semana do 11/01/2015.

BM.Porriño: Iván, David (2), Groba (3), Samuel (10), Dani (3), Gabriel (3), Docampo-equipo inicial-Pablo, Angel, Sergio, Brian, Jacobo, Martín, Alex, Diego, Borja.

Xiria Laber: Antonio Mato, Gabriel Castiñeiras (5), Enrique Pena (4), Lolo (5), José Pereira, Iván Calvo (1), Dani García (2)-equipo inicial-Damián Rodríguez (2), Alex Figueroa, Borja González, Diego Gago (1), Borja Rodríguez (2).

Resultado cada 5´: 2-2, 2-3, 4-5, 6-7, 8-7, 9-10-Descanso-12-12, 13-13, 15-17, 18-19, 19-21, 21-22.

Árbitros: Silvia Vázquez e Alberto Isidro. Non influiron no resultado final. Excluiron con 2´ a Daniel e Pablo polos locais e a Enrique Pena, José Pereira e Lolo polos visitantes.

Incidencias: Encontro da 11ª xornada da División de Honra en categoría xuvenil, disputado no pavillón municipal de Porriño ante a presenza de coarenta espectadores.

Clasificación despois da 11ª xornada:

Clasificación 11ª xornada JUVES

Fotos do partido:

Juves Porriño 1

Juves Porriño 2