Fin de semana de derbis

Os caprichos do calendario, quixeron que nesta xornada se vaian a disputar varios derbis entre as categorías bases e o senior masculino, todos eles de gran importancia para o que resta de competición:

O Calvo Xiria segue sumando de dous en dous puntos tras o parón do Nadal e o máis importante, é que o vén facendo con solvencia e dominando os partidos. Desta forma, os de Carballo seguen situados nesa segunda praza da clasificación que dá acceso a disputar a fase de ascenso, pero non se poden permitir ningún tropezo, xa que o conxunto de Lalín perségueos a un só partido de diferenza. Neste sentido, os verdinegros disputan cada fin de semana unha final na que conseguir os dous puntos en xogo. Este Sábado a dificultade será extrema, xa que chega o derbi fronte ao OAR, con todas as connotacións de rivalidade que isto leva e fronte ao único equipo que conseguíu derrotar sen discusión aos bergantiñáns na primeira volta. Os xogadores do Calvo terán que expoñer a súa mellor versión ante un conxunto que a tempada pasada xa lograra a vitoria no Vila De Noia e para iso necesitarán que a colaboración entre a defensa e a portería renda a un nivel sobresainte ante a primeira liña coruñesa. A velocidade e o rigor táctico volverán ser pezas crave para os locais, que manterán a Gabriel e o xuvenil Andrés en algodóns ata o último instante, pendentes da evolución das súas respectivas lesións. O encontro dará comenzo as 18:00h no Vila De Noia.
Na División De Honra infantil, cadete e xuvenil, os de Xiria tamén se enfrontarán ao rival herculino este Sábado, pero nesta ocasión no pavillón San Francisco Javier da Coruña. Mentres os infantís do Garaysa e cadetes do Grupo Lemaco deberán de conseguir os dous puntos en xogo para non distanciarse dos postos altos da táboa, os xuvenís do Laber afrontan un encontro crucial ante un rival directo por meterse entre os seis primeiros clasificados da categoría. Os cadetes, infantís e xuvenís xogarán os seus partidos ás 10:30, 11:45 e 13:00 h respectivamente.
Pasando xa á segunda división, diremos que as nenas do Garaysa desprázanse a Lugo para enfrontarse ao C.Polideportivo Lucense, Mentres as de Punta Del Este fano a Camariñas, nun duro partido que deberán gañar as carballesas para seguir mandando na clasificación.Mentres as primeiras xogarán na Casa Do Deporte, as segundas farano no pavillón O Areal, ambas o Sábado. O cadete masculino da categoría, pola súa banda e despois de comezar dunha forma sobresainte a fase de ascenso o fin de semana pasado en Tui, volve desprazarse lonxe de Carballo, nin máis nin menos que ao Rosal, onde lles espera o Atl. Novás, un equipo que se prevee poñerá en moitos apretos aos bergantiñáns que terán que mostrar unha versión similar á de Tui para conseguir os dous puntos en xogo.
Por último, os máis pequenos xogarán no CEIP Fogar a xornada aprazada do fin de semana pasado e así, as nenas alevíns do Grupo Lemaco Xiria, enfrontaranse ao Telepizza Carballo Xiria, nun bonito duelo de conxuntos da entidade, o mesmo que pasará en benxamíns co OAK English Xiria e o Clínica Dental Pico Blanco. Mentres os primeiros iniciarán o choque ás 10:30 h do Sábado, os segundos farano ás 11:15 h en dous partidos que corresponden á xornada 6 da competición de Copa en BM5.