GARAYSA XIRIA 25 – BM. CANGAS 27

XORNADA 23

06/04/2013

Garaysa Xiria: 25 (16+9): Fran (1), Vila (4), Tito (2), Carlos (3), Xurxo (4), Andy (1), Juanca (6), Antonio, Daniel (1), Brais, Ronaldo, Antón (2), Souto.

Bm. Cangas: 27 (15+12): Gestido, Lemos, Alonso (5), Refojos (3), Veloso (1), Fonseca, Carballo, Figueroa (1), Villar, Pousa (15), Malvido (2).

Colexiado: Pablo González.

O Garaysa afrontaba o partido a priori máis complicado dos que restan para finalizar a liga, recibía ao segundo clasificado, o Bm. Cangas, equipo co que xa perdera no encontro de ida disputado no Morrazo e que chegaba a Carballo en plena loita polos dous postos que dan acceso ao Campionato de España de clubs.

O encontro comezaba con boas sensacións para o equipo local, que definía con claridade en ataque e en defensa esmerábase en manter lonxe da área aos corpulentos xogadores do Cangas que só vían portería con lanzamentos de longa distancia do seu mellor xogador, Pousa, que rematou o encontro con 15 tantos. Durante toda a primeira metade o Garaysa mandou no partido, e soamente as accións individuais do Cangas mantiñan a igualada no marcador. Os do Xiria chegaban ao descanso cun gol de vantaxe e con moi boas sensacións, pero na segunda metade o pouco acerto nos lanzamentos terminou por darlle a volta ao partido.

Tras o descanso o Xiria seguiu defendendo con gran intensidade, ao Cangas custáballe moito acadar boas situacións de lanzamento e os 12 goles encaixados son boa mostra do nivel defensivo amosado polo Garaysa. Sen embargo en ataque o equipo non estivo tan entoado, cometéronse demasiados erros nos lanzamentos e quizás houbo tamén pouca elaboración nos ataques posicionais para tratar de atopar mellores ocasións, máis cando os lanzamentos non están entrando. Todo isto fixo que un equipo coma o Garaysa cunha gran capacidade para facer goles acadara soamente 9 tantos en toda a segunda metade o que sen dúbida foi clave na derrota.

Pese a todo os seareiros que se achegaron a ver o partido puideron vivir un emocionante encontro entre dous grandes equipos que pese ás diferenzas na táboa clasificatoria amosaron estar moi igualados.