O.A.R. CORUÑA 24 – GRUPO LEMACO XIRIA 42

XORNADA 21

25/03/2013

O.A.R. Coruña : 24 (9+15): Vidal, Manuel (7), Miguel (4), Diego (4), De Castro (3), Javi (2), Iago (1) -equipo inicial- Souto, Carlos, Mario, Álex (1), Vila, Raul, Puga (2).

Grupo Lemaco Xiria: 42 (23+19): Buño, Iván (12), Dani (5), Pereira (3), Calvo (5), Enrique (8), Lolo (4) -equipo inicial- Manuel, Gabriel, Andrés, Álex, Diego (4), Pablo (1), Jorge.

Colexiadas: Alba currás e Soraya Abelenda.

O Grupo Lemaco Xiria viaxaba á Coruña para disputar o derbi contra o OAR, na sempre difícil pista de San Francisco Xabier. O obxectivo dos de Carballo era acadar un triunfo que os mantivera na terceira praza, recén acadadada a pasada fin de semana no partido que disputaron ante o Bueu no Vila de Noia.

Os rapaces de Xiria saíron á pista moi concentrados e cun balonmán repleto de dinamismo e velocidade, pasaban por encima do seu rival dende o pitido inicial, facendo da súa defensa e o seu contragolpe as súas mellores armas. O altísimo ritmo imposto polos bergantiñáns non daba tregua a un equipo local que se vía desbordado por todas partes de forma incontestable. Un parcial de 2-7 nos primeiros dez minutos demostraba a superioridade dos visitantes e poñía moi costa arriba o encontro para o OAR dende os inicios. En ningún momento os locais puideron incomodar aos do Grupo Lemaco, que cerraban o partido con dous parciais moi contundentes de novo: (4-7 e 3-9) para marchar aos vestiarios no tempo de lecer co partido sentenciado (9-23).

No segundo acto, as rotacións do Grupo Lemaco entraron en acción e souberon mandar no encontro e levar o ritmo do partido para evitar sorpresas e non dar ningún tipo de esperanzas aos visitantes sobre a remontada. Os herculinos non foron capaces nin de gañar tan só un parcial e o 15-19 da segunda metade completaba un resultado certamente contundente a prol dos carballeses. Con estes dous puntos no peto, o Grupo Lemaco Xiria ocupa a terceira praza da táboa clasificatoria de forma definitiva, grazas, entre outras cousas, á derrota do Octavio fronte ao Lalín e ao empate do Bueu en Cangas, un posto, que deixa aos carballeses no podium da clasificación, xunto cos mellores equipos galegos de esta idade.

A vindeira xornada será a que peche a liga de División de Honra cadete e disputaráse dentro de dous fins de semana, xa que a liga toma un descanso nesta fin de semana. O partido que peche o magnífico torneo dos rapaces cadetes das Escolas Balonmán Xiria será en pista carballesa fronte ao Balonmán Pabellón de Ourense.