XORNADA 7
11/11/2012
Garaysa Xiria: 25 (16+9): Arnejo (1), Carlos (2), Vila (3), Ronaldo, Tasende (2), Antonio, Tito, Souto, Brais (2), Xurxo, Juanca (7), Antón, Fran (2), Daniel (6).
Club Cisne: 29 (14+15): Freire, Arroyo, Fandiño (2), Vilariño, Franco (9), Pampillón, Silva (6), Dávila (4), Lago, Bazaga (8)
Colexiado: Paula Piñeiro e Noemi Soliño.
O Garaysa comezou ben o encontro, xogando os ataques con paciencia e bo criterio, o que lles bastou para colocarse por diante no marcador con pequenas vantaxes de 2 e 3 goles, que non eran maiores por pequenos despistes nas marcaxes defensivas que lle daban folgos aos de Porriño.
Sen chegar a acadar unha intensidade defensiva alta o Garaysa plantouse no ecuador do partido con 2 goles de renda sobre o seu rival, que pese a ir toda a primeira metade por debaixo no marcador nunca baixou a garda nin perdeu os nervios.
Un bo arranque do Porriño tralo descanso tornou o partido costa arriba para os locais, o bo criterio e a calma que víramos na primeira parte perdeuse en canto chegou o empate ao marcador. Dende aí todo foi un quero e non podo para o Xiria, que con máis corazón que cabeza tentaba volver a poñer a balanza ao seu favor. As accións individuais en ataque non eran suficientes para superar a dura defensa do rival e remataban con lanzamentos precipitados directamente fóra ou moi sinxelos para o porteiro do equipo visitante, que aproveitou á perfección o desconcerto que reinaba na bancada do Garaysa para poñer terra de por medio. Os 9 goles da segunda metade, coñecendo a capacidade goleadora deste Xiria, son boa proba da falta de puntería que tivo o equipo.
Ao remate 25-29, dolorosa derrota que de seguro serve de aprendizaxe para este equipo infantil do Xiria ao que lle está custando acadar unha regularidade nesta competición tan igualada.
