GARAYSA XIRIA 25 – O.A.R. CORUÑA 27

XORNADA 21

17/03/2013

Garaysa Xiria: 25 (17+8): Vila (5), Carlos (9), Xurxo (1), Antonio, Andy (1), Daniel (2), Brais (2), Roi (1), Pombo (1), Antón (3), Souto.

OAR Coruña: 27 (13+14): Sarasola (5), Crecente (1), Rey, Puime (5), Contreras (1), Costa (2), Lariño (7) Franco (1), Fuentes, Rodríguez, Capelán, Barbeito (5), Carrodeguas, González.

Colexiadas: Elena Rivas e Katherine Glez.

O Garaysa Xiria recibía ao 3º clasificado, o OAR Coruña, nun complicado encontro contra un rival de gran poderío físico e ao que o equipo carballés chegaba moi mermado polas numerosas baixas. A parte das lesións de Arnejo, Tasende e Juanca, baixas habituais, habería que sumar a de Ronaldo e Fran, o primeiro causou baixa por unha escordadura nun dedo da mán e Fran non puido estar co equipo tras caer nun proceso gripal severo. Tampouco Tito puido axudar ao equipo por problemas persoais. Con todo este panorama o encontro antollábase complicado para os intereses do Xiria, sen embargo o equipo tivo opcións de levarse os 2 puntos ata os últimos ataques.

O Garaysa comezou o encontro bastante temeroso en ataque, a defensa 3-3 que propuxo de saída o OAR e que mantivo durante todo o primeiro tempo era, a priori, unha vantaxe para o Xiria, sen embargo os locais non souberon aproveitalo dende o inicio e comezaron perdendo, con desvantaxes de ata 3 e 4 goles. Só foi un mal arranque porque 10 minutos despois e tras un tempo morto para aclarar as ideas o Garaysa pronto comezou a atacar con fluidez os grandes espazos entre os defensores do OAR. Con este cambio de actitude ofensiva e unha maior intensidade na defensa o equipo non tardou en colocarse por diante, deixando moi boas sensacións ao remate do primeiro tempo ao que chegaba cunha vantaxe de 4 goles, 17-13.

Tras o descanso e como era previsible o OAR cambiou a súa defensa á habitual 6-0, con xogadores moi corpulentos e con moi poucas saídas. Os 8 goles acadados na segunda metade polo Xiria falan por si mesmos do que foron estes 25 minutos. O Xiria cun xogo bastante pausado e pouco elaborado non era quen de superar a barreira defensiva do OAR que pouco a pouco foi recurtando goles. O Garasya non deixou de pelexar en ataque e con máis corazón que cabeza chegou ao último tramo do encontro 2 goles abaixo, pero con posibilidades de vitoria. A defensa funcionou pero o ataque prepicitouse e dúas perdas de balón sen chegar a lanzar nos últimos ataques fixeron imposible a xesta.