GRUPO LEMACO XIRIA 42 – BUEU ATL. 21

XORNADA 20

17/03/2013

Grupo Lemaco Xiria: 42 (26+16): Buño, Iván (16), Dani (4), Pereira (1), Calvo, Enrique (7), Lolo (6) -equipo inicial- Manuel, Gabriel (1), Andrés, Álex, Diego (5), Pablo (2), Borja.

Bueu Atl.: 21 (8+13): Raul, Anxo (5), Villegas, Mateo, Samuel (2), Brais, David (8) -equipo inicial- Sergio (4), Sequeiros, José (1), Carlos (1), López.

Colexiadas: Tatiana González e Soraya Abelenda.

O Grupo Lemaco Xiria, cuarto clasificado, recibía ao terceiro clasificado da liga, o Bueu, equipo que xa fora quen de derrotar aos de Carballo na primeira volta por un axustado 36-34. Os dous conxuntos, separados tan só por un punto, ían a disputar un encontro que se prevía atractivo cara ao espectador e moi ilusiónante para os locais, xa que, de acadar o triunfo, superarían ao seu rival e situaríanse nunha privilexiada terceira posición a falta de dúas xornadas para o remate da competición.

Os rapaces de Xiria, saíron á pista como un vendaval e cun balonmán repleto de dinamismo e velocidade pasaban por enriba dun dos mellores equipos da liga. En cinco minutos o técnico visitante xa tiña que pedir o seu primeiro tempo morto (5-1) e no 10, o resultado era realmente contundente (9-3). Lonxe de baixar o seu ritmo, os de Carballo, afianzados pola súa autoestima, conseguían un parcial aínda maior entre o minuto dez e vinte (10-3), que deixaba o encontro visto para sentencia (19-6). Outro terceiro parcial de 7-2, sorprendía cun resultado que ninguén podía pensar antes do envite. O 26-8 era un marcador que de ningunha maneira se podía esperar no descanso, dada a calidade dos de Bueu e a igualdade entre os dous conxuntos, pero é que os carballeses, no día de hoxe, estaban a acariciar a perfección.

No segundo acto, as rotacións do Grupo Lemaco entraron en acción e souberon mandar no encontro e levar o ritmo do partido para evitar sorpresas e non dar ningún tipo de esperanzas aos visitantes sobre a remontada. Os de Bueu non foron capaces nin de gañar tan só un parcial e o 16-13 da segunda parte completaba un resultado certamente contundente a favor dos bergantiñáns. Con estes dous puntos no peto, o Grupo Lemaco Xiria ocupa a terceira praza da táboa clasificatoria, un posto que os carballeses esperan manter ata o remate da liga, inda que con dificultades seguras nos dous partidos que quedan por diante.

A vindeira xornada o equipo viaxará ata Coruña para enfrontarse, nun dos derbis provinciais, ao OAR da Coruña. A pista de San Francisco Javier é unha das canchas máis complexas e o conxunto do OAR uns dos mellores cadros do campionato.