GARAYSA XIRIA 32 – S.A.R. “A” 24

XORNADA 3

13/10/2012

Terceira xornada de Liga para o Garaysa Xiria que, nesta ocasión, recibía no pavillón Vila de Noia aos redondeláns da S.A.R. “A”, que chegaban invictos a Carballo con dúas vitorias.

O encontro comezaba moi igualado, con pequenas vantaxes a prol dos de Redondela, vantaxes que duraron o que tardou o Xiria en coller ritmo en defensa. En canto os apoios defensivos comezaron a funcionar o ataque rival perdeu a efectividade do inicio, caendo en erros de lanzamentos que foron ben aproveitados polo Garaysa para colocar de novo a igualada.

A partir de ese momento o equipo deixou os nervios de lado e comezou a xogar con máis seguridade e valentía e non tardou en poñerse por diante no marcador. Dende aí o equipo atopouse moito máis cómodo no terreo de xogo e os nervios pasaron ao banco da S.A.R..

Nos últimos minutos da primeira metade o Garaysa foi un ciclón e, en apenas 3-4 minutos, endosoulle un 5-0 de parcial ao seu rival, que vía impotente como se lle poñía o encontro costa arriba.

A segunda metade foi de claro dominio local. O sistema defensivo funcionaba como un reloxo, os apoios eran rápidos e contundentes e a gran labor dos porteiros, que estiveron moi atinados durante todo o encontro, fixeron que a S.A.R. non tivera opcións de recurtar distancias.

E aínda puido ser maior a diferenza de non ser por varios lanzamentos claros errados nos últimos minutos, cando o cansazo xa facía costa arriba cada contragolpe.

Parabéns tralo gran partido realizado por todo o equipo e agardamos que esa evolución que está amosando o Garaysa os leve á vitoria na seguinte xornada, onde viaxaremos ata Pontevedra para enfrontarnos ao líder, o Teucro, será o Sábado ás 11h no Pavillón Municipal.