Garaysa Xiria: 33 (12+21): Manuel, Arnejo (1), Antonio, Pablo (2), Carlos (5), Gabriel (3), Iván (4), Alex, Eiroa (3), Borja R., Pereira (7), Juanca (8), Xurxo, Souto.
La Rosaleda 1997 Bm. Lalín: 26 (14+12): Gil (7), Ramos, Fiuza, Fernández, Carvajal, Santomé (1), López (2), Diéguez (1), Blanco (2), Toimil, García (7), Riveira, Andrade (6).
O Garaysa Xiria xogaba o encontro máis complicado dos que lles restan como local, e facíao fronte ao Bm. Lalín, que chegaba como 3º clasificado e contra os que os nosos perderan 31-26 no encontro da primeira volta ida. Pero, dende aquel 11 de novembro moitas cousas cambiaron nos xogadores do Garaysa, agora vemos un equipo con moita máis confianza en si mesmos e cunha intensidade no xogo que cautiva.
O encontro comezaba cunha lixeira vantaxe para o Lalín. O Xiria non estaba atinado en ataque e foi necesario un tempo morto para aclarar as ideas, coller folgos e darlle a volta. E dito e feito, o ataque local comezou a funcionar, atopábanse boas situacións de lanzamento e pronto volveu a igualada ao marcador. No último tramo da primeira metade o Lalín apertou un pouco en defensa e non desaproveitaba as oportunidades en ataque, o que lles deu vantaxe de 2 goles ao descanso. Todo auguraba un segundo tempo moi igualado e así foi, para disfrute da grada que tamén viviu o partido con moita intensidade.
O Garaysa xogou un segundo tempo de luxo, de auténticos campións. Deixou con só 12 goles a un dos grandes da categoría, cunha gran actuación de Antonio que fixo o debut soñado co equipo de División de Honra realizando paradas de gran factura, sempre resgardado por unha gran defensa que non deixou de loitar e correr, loitar e correr, durante toda a segunda metade. Neses 25 minutos o Garaysa conseguiu anotarlle 21 tantos ao Lalín, o que serviu para darlle a volta o partido, gañar de 7 e levar así o golaveraxe individual a favor dos de Carballo, o que deixaría ao Garaysa por riba do Lalín en caso de empate a puntos ao remate da presente Liga.
Parabéns polo gran partido feito, e agora a pensar no Bm. Ártabro, seguinte rival, no que presumiblemente será un partido de ti a ti, contra un rival que está a facer unha segunda volta moi boa.
