GARAYSA XIRIA 37 – BM. PABELLÓN OURENSE 29

Garaysa Xiria: 37 (17+20): Arnejo, Carlos (4), Gabriel (3), Iván (6), Antonio, Pablo (5), Alex (3), Borja R. (6), Pereira (3), Juanca (7), Souto.

Bm. Pabellón Ourense: 29 (15+14): Adrián, Anxo (2), Javier (1), Raúl (5), Daniel (1), Diego, Víctor (1), Jonathan, Alejandro (9), Pablo, Gabriel (10).

Penúltimo partido como local para o Garaysa Xiria que recibía nesta ocasión ao Pabellón de Ourense, rival que xa lle dera moita guerra no encontro da primeira volta que foi igualado ata os últimos minutos.

Nesta ocasión o guión non foi moi diferente, o Xiria sufría en defensa contra a fortaleza física dos primeiras liñas rivais, que mantiveron ao seu equipo metido no partido a base de goles. Os carballeses tampouco amosaron a contundencia defensiva que viñamos vendo nos últimos encontros, e pese a que en tarefas ofensivas o equipo funcionaba ben, con ataques con longas continuidades e moito criterio nas definicións, o intercambio de goles por parte de ámbos os dous equipos foi a tónica de toda a primeira metade, que rematou cunha lixeira vantaxe a prol do Garaysa de tan só dous goles, 17-15.

Con todo aberto cara á segunda metade o Garaysa saía moi motivado, consciente da importancia de sumar os dous puntos en xogo para seguir escalando postos na táboa, con só dúas xornadas por diante para o remate da liga.

A alta intensidade defensiva coa que saíu o equipo comezou a xurdir efecto. O sistema defensivo 2-1-3 trocou nun 3-3, moito máis profundo, co que os 1×1 dos fortes laterais do Ourense producíanse moito máis lonxe da área defendida polo Xiria. O equipo comezou a roubar balóns e a poder correr ao contraataque, e polo tanto comezou tamén a sentirse moito máis cómodo en defensa. O ataque ourensán comezaba a caer en precipitacións e o Garaysa non desaproveitou a ocasión para facer medrar a vantaxe. Ao remate 37-29 co que o equipo bergantiñán suma unha nova vitoria, nesta ocasión, moi traballada. Moi bo partido de Borja, que, con 6 dianas, está a asumir de marabilla a responsabilidade no seu extremo ante a baixa de Eiroa. Tamén gran partido de Calvo e Carlos, os dous estiveron moi loitadores e non deron por perdido ningún balón.

A próxima xornada, a penúltima, será tras o parón da Pascua. Será a derradeira viaxe da tempada para os nosos, que visitan a pista do OAR, nun dos derbis provinciais, onde o equipo tentará sumar dous novos puntos nesta recta final da liga.