Garaysa Xiria: 40 (18+22): Manuel, Pablo (5), Arnejo, Carlos (3), Xurxo, Gabriel (6), Iván (7), Alex, Eiroa, Borja R., Pereira (8), Juanca (11), Souto.
Bueu Atl. Bm.: 32 (16+16): Manuel, Rodrigo, Abel, José M. (5), Diz (1), Lemas (3), David (9), Brais (9), López (2), Gestido, Martínez (3), Andrés.
Os infantís de División de Honra do Xiria recibían esta semana ao Bueu, rival complicado que conta nas súas filas con xogadores de gran nivel. No enfrontamento de ida o Garaysa perdera por cinco tantos de diferenza, nun partido no que o porteiro rival e a árbitro levaran todo o protagonismo dun encontro no que os de Carballo mereceran máis. Pero nesta ocasión o sino do partido non sería o mesmo, os xogadores afrontábano con ganas de devolverlle a moeda aos de Bueu, e dende o principio todo o equipo amosou carácter de gañador, con moita intensidade en defensa e pisando o acelerador nas transicións.
A primeira metade foi marcada pola igualdade e a alta intensidade de xogo amosada polos dous equipos. Unha pequena vantaxe ao descanso de 2 goles a prol do Xiria deixaba todo aberto para a segunda metade.
Tras a reanudación o Garaysa saíu coma unha apisonadora e non deu tregua á defensa rival, dos 8 primeiros ataques, 7 acabaron co balón na redes da meta do Bueu, que comezaba a desesperar e a caer en precipitacións no seu ataque. A defensa do Garaysa facíase cada vez máis forte e, cun Manuel soberbio durante os 50 minutos que detiña o pouco que chegaba a porta, a renda a prol do Xiria pronto pasou aos 6 goles.
Sen baixar a garda, os locais mantiveron a liña de todo o encontro, defender con moita intensidade e correr á contra, e pouco a pouco a diferenza foi crecendo ata os 8 goles ao remate do encontro. O que, ademais de darlle a vitoria, dálles o golaverage a favor contra o Bueu, rival directo, o que pode ser determinante ao remate da competición no que está sendo, unha liga moi igualada.
Na seguinte xornada o Garaysa Xiria afronta un partido vibrante contra o Teucro, que con dúas únicas derrotas lidera a táboa clasificatoria, pero non debemos esquecer que no partido de ida o Garaysa perdera por un só gol de diferenza, polo que a vitoria caerá, nesta ocasión, para o que sexa máis firme ao seu estilo de xogo.
