Gran nivel do Garaysa B sen premio e derrota do Garaysa A en Pontedeume

Gran nivel do Garaysa B sen premio e derrota do Garaysa A en Pontedeume

Fin de semana esixente para os equipos do Garaysa Xiria, con dúas derrotas nas que, a pesar dos resultados, houbo aspectos moi positivos no xogo.

O Garaysa Xiria B caeu na casa ante o Balonmán Viveiro por 17-19 nun partido no que os carballeses realizaron, posiblemente, o mellor encontro da tempada. A gran intensidade defensiva do Xiria permitiulles competir de ti a ti fronte a un rival fisicamente superior. De feito, na segunda metade o equipo local só encaixou 4 goles, unha mostra do enorme traballo atrás. Porén, as dúbidas en ataque e a falta de acerto impediron culminar o esforzo cun resultado positivo.

Pola súa banda, o Garaysa Xiria A perdeu en Pontedeume por 26-22 fronte ao Eumesa, nun encontro moi igualado ata os minutos finais. Os carballeses mantiveron o pulso durante boa parte do partido, pero na segunda metade baixaron a intensidade defensiva, circunstancia que foi aproveitada polos locais para abrir unha pequena fenda no marcador e acabar levando a vitoria.

Dúas derrotas con lecturas diferentes, pero que deixan claro o compromiso e a capacidade de competir dos dous equipos, que continúan traballando para seguir medrando xornada a xornada. A vindeira semana, o Garaysa B xogará a domicilio ante o Arteixo e o Garaysa A recibirá ao Reconquista de Vigo.