Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

Gran partido do Laber Xiria e o BM.Porriño que termina en igualada

Os seareiros que se deron cita no municipal de Porriño, puideron asistir este pasado Sábado a un excelente espectáculo de balonmán. O Laber Xiria e o balonmán Porriño puxeron sobre…

Os seareiros que se deron cita no municipal de Porriño, puideron asistir este pasado Sábado a un excelente espectáculo de balonmán.

O Laber Xiria e o balonmán Porriño puxeron sobre o parquet porriñés todo un recital de calidade e bo xogo, que seguramente os acrediten como dous dos conxuntos a ter en conta de cara a lograr o campionato ao final de liga.

Os de Carballo partían coa importante baixa de Carlos Vilanova, convocado co equipo senior da entidade, pero o labor de conxunto fixo posible que os verdinegros suplisen de forma excelente esa falta. Kevin Santos, actuando como un verdadeiro jabato en defensa e o Cadete Andrés Vila, foron os zurdos encargados de ocupar este posto cunha nota altísima.

O envite foi moi igualado, con alternativas no marcador e un xogo dinámico e vertixinoso onde, as ferreas defensas, daban paso a rápidos contragolpes. No posicional, os dous equipos mostraban un xogo combinativo de alta calidade, disciplinado e cun alto rigor táctico, onde destacaba a velocidade na continuidade do balón. Desta forma chegábase ao descanso cun resultado de 15-15 e todo por dilucidar na continuación.

Foi neste segundo tempo cando o conxunto verdinegro adiantouse de até tres goles, distancia que parecía xa inalcanzable para os locais, pero cando o partido tocaba ao seu fin, o exceso de accións individuais no posicional e os desaxustes defensivos cando os rojillos xogaban con dous pivotes, propiciaba que os de Porriño se adiantasen un tanto a falta de tres minutos.

Os últimos instantes foron de infarto e ningún dos dous equipos quería darse por vencido. Unha excelente parada de Manuel Souto desde os 6 metros, deixaba aos carballeses con 25 segundos por diante para gañar o partido. O técnico bergantiñán pedía tempo morto para elaborar unha última acción, pero na volta á cancha, atenazados pola presión do momento, os xogadores verdinegros non foron capaces de lanzar a portaría.

Este 27-27, deixa ao Laber Xiria con catro puntos en tres xornadas e aínda imbatido, con todas as opcións para seguir aspirando ás cotas máis altas neste campionato. A próxima semana, os de Carballo recibirán ao conxunto redondelano da SAR, un equipo sempre competitivo e moi a ter en conta. Os bergantiñáns terán que facer un gran partido si queren quedar cos dous puntos.

BM.Porriño: 27 (15+12). Freire, Loureiro (5), Pereiro (14), Isidro (2), Dávila (2), Deben (1), Martínez (1)**-Equipo Inicial-**Fandiño, Moreiras, Silva (1), Corral (1), Alonso, Vidal, Pérez.

Laber Xiria: 27 (15+12). Antonio Mato, Gabriel Castiñeiras (4), Juanka (12), José Pereira (1), Borja (1), Iván Calvo (4), Kevin Santos**-Equipo Inicial-**Francisco Rey, Roi Alfeirán, Ronaldo Durán (1), Alex Figueroa, Andrés Vila (3), Manuel Souto, Tito, Antón Traba, Daniel Esmorís (1).

Marcador cada 5´: 3-3/7-5/8-7/10-10/12-12/15-15**-Descanso-**18-18/19-19/21-23/22-25/25-26/27-27.

Colexiados: Raquel Lloria e Andrés Hermida. Excluiron con dous minutos a Corral polos locaais e a Juanka, José Pereira (2) e Iván Calvo polos visitantes.

Incidencias: Encontro da terceira xornada na liga da División de Honra xuvenil disputado no municipal de Porriño ante un centenar de seareiros, moitos deles desprazados dende Carballo.