GRUPO LEMACO XIRIA 39 – BM. MOAÑA 18

XORNADA 18

03/03/2013

Grupo Lemaco Xiria: 39 (20+19): Buño, Iván Campos (5), Diego (3), Enrique (2), Dani (6), Calvo (4), Lolo (10) -equipo inicial- Manuel, Jorge, Pablo (6), Gabriel (1), Álex, Andrés (2),Borja (1).

Bm. Moaña: 18 (6+12): José, Sergio, Fer, Piñeiro (1), Ángel (4), Juan, Riobó (5) -equipo inicial- Héctor (2), Mario (2), Anxo (4).

Colexiados: Fernando Eiras e Alberto Fernádez.

Saíu a por todas o equipo de Carballo contra un rival que, a pesar de ocupar o penúltimo posto da táboa clasificatoria, xa dera moita guerra no partido da primeira volta, onde os de Carballo sufriron para levarse o trunfo nos últimos instantes do encontro e por un marcador certamente axustado (29-33). Pero os de Xiria non querían desperdiciar a oportunidade de seguir na loita postos altos da clasificación e sabían que, para conquerir isto, non podían ceder máis puntos nesta liga. A saída foi fulgurante, así o demostraba un parcial de 4-0 nos primeiros instantes do envite e o 10-1 no paso polo minuto dez. Un segundo parcial de 7-1 dende o minuto dez ao vinte deixaba o partido resolto (17-2) e poñía en liza a todos os convocados no día de hoxe, contribuíndo a esta importante vitoria que achega aos bergantiñáns a tan só un punto da terceira praza, en posesión do Bueu que aínda ten que visitar a cancha carballesa.

O equipo de Moaña non era quen de frear as acometidas dos bergantiñáns, que no xogo de transición defensa–ataque, castigaban duramente a retagarda dos pontevedreses. A primeira liña do Grupo Lemaco perforaba unha e outra vez a portería visitante con ataques dinámicos, cheos de mobilidade e respostas solidarias por parte dos xogadores, que remataban por atopar espazos efectivos para as penetracións ou os lanzamentos lonxanos. Despois desta primeira parte chea de intensidade, bo xogo e gran acerto cara a portería contraria, os rapaces de Carballo retirábanse o vestiario cun contundente 20-6 que daba por rematado o encontro salvo debacle na reanudación.

No segundo acto, os de Xiria seguiron a mandar con moita autoridade no xogo, aumentaron a distancia no marcador pouco a pouco e demostraron ser infinitamente superiores ao seu contrincante no día de hoxe. Todos os xogadores raiaron a gran nivel nesta contundente vitoria que deixa a os de Grupo Lemaco fronte a unha recta final de tempada moi ilusionante.

Para a próxima fin de semana, o Grupo Lemaco Xiria viaxará a Cangas, ,sen dúbida unha das canchas máis complicadas da categoría e un dos equipos con máis calidade e que ocupa a sétima posición na clasificación a dez puntos dos de Carballo.