GRUPO LEMACO XIRIA 40 – BM. PABELLÓN OURENSE 21

XORNADA 22

07/04/2013

Grupo Lemaco Xiria: 40 (19+21): Buño, Iván (11), Enrique (2), Diego (6), Calvo (3), Dani (4), Lolo (6) -equipo inicial- Manuel, Álex (1), Andrés (2), Gabriel (2), Pablo (2), Borja (1), Jorge.

Bm. Pabellón Ourense: 21 (11+10): Brais, Andrés (2), Garrido (2), Luis (3), Guillermo (6), Diego (3), Raul (2) -equipo inicial- Samuel, Cerviño, Miguel (2), Javi (1), Barreiro.

Colexiados: Andrés Bacelar e Abel Juncal.

O GRUPO LEMACO XIRIA, TERCEIRO CLASIFICADO!!!!

O Grupo Lemaco, que ven demostrando un excelente estado de forma na recta final do campionato, impúxose,unha vez máis, de forma contundente ao seu rival, nesta ocasión o Balonmán Pabellón Ourense. O encontro, derradeiro da liga de División de Honra, deixou os dous puntos no peto dos de Xiria e fixo posible que os cadetes conquistaran a terceira praza do campionato, a tan só dous puntos do segundo clasificado, a SD.Teucro de Pontevedra. Deste xeito, os carballeses, cunha excelente campaña e un balonmán veloz e dinámico que abraiou a tod@s, conseguen estar entre os mellores conxuntos da categoría.

Os locais mostráronse moi superiores dende o pitido inicial e, aínda que a terceira posición xa estaba firmada de forma matemática dende a xornada anterior, as ganas por deixar unha boa imaxe ante os seus seareiros fixo posible que se vira, de novo, a ese conxunto intenso e dinámico de outras ocasións, facendo da velocidade e do contragolpe a súa mellor arma. A saída foi fulgurante e pronto se rompeu o partido grazas a ese ritmo endemoniado dos bergantiñáns. O equipo da cidade das Burgas non era quen de frear as acometidas dos de Carballo que no xogo de transición defensa–ataque castigaba duramente a retagarda do Pabellón. A primeira liña do Grupo Lemaco perforaba unha e outra vez a portería visitante con ataques dinámicos, cheos de mobilidade e respostas solidarias por parte dos xogadores, que remataban por atopar espazos efectivos para as penetracións ou os lanzamentos lonxanos. O marcador reflectía un contundente 19-11 na retirada a os vestiarios no tempo de descanso.

Na reanudación nada cambiou, o mesmo guión, a mesma intensidade, aínda que os actores ían cambiando no conxunto local, aportando e traballando todo o mundo co sentido de equipo que caracterizou ao Grupo Lemaco Xiria durante toda a tempada. No asubío final, unha festa e a marabillosa sintonía equipo-siareir@s que sempre existiu. O gran recoñecemento que este grupo de rapaces merece debuxada nunha máis que sentida ovación adicada a unha excelente tempada dunha xeración chamada a dar moitos éxitos ás Escolas Balonmán Xiria.