XORNADA 3
21/10/2012
Grupo Lemaco Xiria: 40 (25+15): Buño, Iván (11), Diego (3), Enrique (7), Dani (3), Gabriel (1), Lolo (6) -equipo inicial- Calvo (3), Pablo (1), José Eiroa, Borja, Pereira (4), Andrés (1), Manuel.
Bm. Porriño: 30 (11+19): Borja, Samuel, David (6), Pereiro (6), Moreiras, Gabriel, Sergio (2) -equipo inicial- Pablo (1), Miguel (3), Iván (4), Dani (2), Abdelhadi (6).
Colexiados: Pedro Eiras e Fernando Eiras.
Os cadetes das Escolas Balonmán Xiria conseguiron dous puntos importantísimos na terceira xornada da liga de División de Honra fronte ao Balonmano Porriño, nun partido con dúas partes moi diferenciadas.
Os locais comezaron o envite como un ciclón e apenas pasaban dous minutos do inicio cando o adestrador porriñés tiña que pedir o seu primeiro tempo morto para parar a sangría que estaba a sufrir o seu equipo (5-0). Pouco cambiaron as cousas despois deste parón. Os de Xiria seguían cunha defensa moi intensa, apoiada por unha portería excelsa e os contragolpes fulgurantes facían que a vantaxe aumentara minuto a minuto. No ataque posicional o equipo carballés atopábase cómodo e era capaz de encontrar espazos na defensa visitante de forma sinxela. O ritmo alto e a claridade de ideas levaban en volantas aos do Grupo Lemaco, que mandaban no descanso con un marcador certamente avultado, 25-11.
Cando todo parecía decidido pola diferenza que mostraba o electrónico, apareceu o verdadeiro Porriño. A segunda parte comezou co equipo foráneo mostrando unha maior rapidez e intensidade. Na defensa eran moito máis contundentes e os rápidos saques de centro despois de encaixar gol ou as rápidas transicións despois dunha boa defensa converteron o partido nunha loucura, un toma e daca no que os bergantiñáns se viron claramente prexudicados cando a falla de dez minutos para o remate, o Porriño reducía a distancia a tan só dous goles. Por sorte, todo quedou nun susto, xa que, despois dun tempo morto no bando local e de facer algúns axustes, os locais volveron a tomar as rendas do encontro para terminar cos dous puntos no peto con un resultado de 40-30.
O próximo partido a disputar polo Grupo Lemaco Xiria será o vindeiro domingo ante o último clasificado da liga, o Lavadores, que, a pesar que aínda non foi quen de puntuar, conta cun bo bloque e son especialmente perigosos cando actúan de locais.