GRUPO LEMACO XIRIA 41 – O.A.R. CORUÑA 26

XORNADA 10

16/12/2012

Grupo Lemaco Xiria: 41 (23+18): Buño, Iván (10), Diego (3), Enrique (9), Dani (4), Gabriel (4), Lolo (6) -equipo inicial- Calvo (4), Pablo (1), José Eiroa, Borja, Álex, Andrés, Manuel.

O.A.R. Coruña: 26 (13+13): Javi, Martínez (1), Raul (6), Fran (2), Álex (3), Iago (2), Miguel (8) -equipo inicial- Vidal (1), Manu, Mario (1), Darío, De Blas, Puga.

Colexiadas: Uxía Méndez e Soraya Abelenda.

Os cadetes das Escolas de Balonmán Xiria conseguiron dous puntos importantísimos na décima xornada da liga de División de Honra, nun dos derbis da categoría, fronte ao OAR da Coruña, nun partido que os de Carballo dominaron de principio a fin.

Os locais comezaron o envite como un ciclón e apenas pasaban dous minutos do inicio cando o adestrador coruñés tiña que pedir o primeiro tempo morto para parar o 3-0 de parcial que sufría o seu equipo. Despois deste tempo morto, os visitantes reaccionaban e conseguían empatar o encontro devolvendo o parcial inicial (0-3). Pero os de Xiria seguían cunha defensa moi intensa, apoiada por unha portería excelsa no día de hoxe, e os contragolpes fulgurantes facían que a vantaxe volvera rapidamente para os bergantiñáns (7-4 min 10). No ataque posicional o equipo carballés encontrábase cómodo e era capaz de atopar espazos na defensa visitante de forma sinxela. O ritmo alto a a claridade de ideas levaban en volantas aos do Grupo Lemaco, que mandaban no descanso con un marcador certamente avultado (23-13).

Pouco cambiaron as cousas na segunda parte. Os locais non querían ver perigar a boa renda que conseguiran no primeiro acto e saíron concentrados, con intensidade e decididos a, como mínimo, manter o ritmo do encontro e con el a diferenza conquerida no primeiro acto. As cousas foron mellor do esperado e a diferenza entre incluso aumentaba co paso dos minutos ata ese marcador final de 41-26 que deixa o Grupo Lemaco Xiria a un punto da terceira praza, lugar que precisamente ocupa o Balonmán Lalín, próximo rival do Xiria.

O partido ante o Bm. Lalín disputarase no mpal. Vila de Noia o vindeiro sábado ás 12:45 h e corresponde á xornada número 5, aprazada no seu día pola convocatoria de varios rapaces do Lalín pola selección nacional promesas.