Os cadetes do Xiria, despois dun sólido partido na casa ante Rasoeiro e con catro baixas nas súas filas, viaxaban ata Vigo para enfrontarse no derradeiro lance da liga ante Lavadores.
O Xiria comezaba con un acertadísimo Saúl na primeira liña, que sumado á colaboración defensa+portería deixaba moi boas intervencións do gardameta Iker e axiña puxeron ó Xiria por diante do marcador (3-7). O xogo colectivo permitiu chegar a numerosas accións de 1×1 ou 2×2 con espazo e continuar coa boa dinámica, pero os locais non se quedaban atrás e atoparon ocos no 5:1 dun Xiria que baixaba a intensidade por momentos, chegando a liña de 6m sen oposición algunha.
O encontro asemellaba doado para os de Carballo, que acadaban o (13-20) no minuto 25 de xogo, pero o cambio local a 5:1 presionante sorprendeu o Hierros Varela, roubando numerosos balóns a unha primeira liña que non se movía nin para pasar nin para recibir para encaixar numerosos goles de contraataque en primeira oleada sin ningún tipo de oposición. A escasa marxe do intermedio reflexaba as malas sensacións dos últimos minutos (19-22).
Na segunda metade e con superioridade numérica, o Xiria encadeaba tres erros de lanzamento e tres erros defensivos no 1×1 para poñer ó Lavadores de volta no partido. A falta de eficacia defensiva forzou a un cambio a 6:0, no que as axudas tiveron unha maior efectividade pero ofreceron máis posibilidades a un equipo local que se atopa cómodo ante defensas pechadas. A igualdade se mantivo ata os derradeiros dez minutos de xogo, onde a falta de folgos, a ausencia de rotación e a precipitación no ataque proporcionaron unha oportunidade dourada o Lavadores, que aproveitaba a situación para roubar balóns e correr os contraataques rompendo un partido no que o fondo de armario supuxo unha baza determinante (40-35).
O Xiria remata así o derradeiro partido na penúltima xornada na quinta posición da Liga Prata. Esta semana o Lavadores viaxa ata o Grove, pero soamente unha vitoria do Rasoeiro proporcionaría a cuarta praza ó Hierros Varela. Agora o grupo debe recuperar efectivos para preparar a Copa.
U.B. LAVADORES VIGO 40 – 35 HIERROS VARELA URBIETA XIRIA