IFECGAS PEREIRA XIRIA 26 – SD TEUCRO SUP MOLDES 31

Ifecgás Pereira Xiria 26 (15+11): Naya, Iván (7), Zas (8), Néstor (4), Pombo (3), Óscar, Dani (1) -equipo inicial- Andrés (1), Diego (2).

SD Teucro Supermercados Moldes 31 (15+16): Antonio, Pedro (5), Eduardo (8), Dani (2), Mario (3), Chapela (4), Miguel (3) –equipo inicial- Juan, Fernando, Pablo, Francisco, Álex (4), Alberto (2), Carlos.

Colexiados: Pablo Méndez e Vicente Pérez non influiron no resultado final.

O Ifecgás Pereira Xiria recibía na cancha da Zona Escolar de Carballo ao potente Teucro na terceira xornada de competición na División de Honra Xuvenil e na que os pontevedreses se fixeron coa vitoria por 26 a 31.

O equipo carballés comezou o encontro cunha intensidade altísima, parecía un equipo totalmente diferente ao que perdera en Ourense facía tan só sete días. A forte defensa e o xogo rápido e disciplinado no ataque do Ifecgás levou ao adestrador visitante a pedir un tempo morto no minuto seis, cando os de Carballo xa gañaban por 5-1. Sen embargo todos sabían que o partido ía ser moi longo e que había que manter a concentración e intensidade dado o alto nivel do rival. Así foi, e con dúas paradas do porteiro os pontevedreses metíanse de cheo no partido ao materializar dúas accións do xogo. A partir de aquí a tónica xeral foi a igualdade, aínda que, case sempre, co equipo carballés por diante no marcador. No descanso, un 15-15 deixaba todo por dilucidar cara a segunda parte.

A reanudación foi intensa e vibrante, tanto como fora a primeira parte, e o espectáculo que se estaba a vivir era notable e así o reflectían as dúas inchadas presentes no pavillón carballés. O marcador decantouse do lado visitante sobre todo nos últimos doce minutos do partido, cando os xogadores do Ifecgás Pereira Xiria sufriron tres exclusións e permaneceron seis minutos con un home menos na pista. Os intentos de facer unha defensa mixta sobre certos xogadores que estaban a ser determinantes no equipo foráneo non serviron para moito, sobre todo dado o pouco tempo que quedaba.

Só nos queda felicitar ao Teucro como vencedor e aos rapaces do Ifecgás Pereira Xiria porque este e o camiño a seguir e con esta actitude e intensidade a bo seguro que os resultados chegarán.

O próximo encontro a disputar polos rapaces de Fernando Vázquez será na pista do equipo vigués da UB Lavadores.