XORNADA 5
22/12/2012
Ifecgás Pereira Xiria: 28 (14+14): Zúpez, Bouzas (5), Martín (6), Javi (5), Rubén Anes (4), Rubén Gómez (2), Calvete (1) -equipo inicial- José, Edu, Iván, Fidi, Óscar, Julián (1), Alberto (4).
Clínica Deza Lalín: 26 (13+13): Xoan, David (8), Fabián (3), Enrique (2), Cortés (2), José (4), Santi (1) -equipo inicial- Novo, Moreta, Román (2), Alberto ,Duarte (2), Marcos.
Colexiados: Cesar Carballo e Borja Pazos.
Estaba en xogo o encontro aprazado no seu día e correspondente a quinta xornada da liga de División de Honra en categoría xuvenil. Os dous equipos que nos últimos anos competiron e conseguiron o título de campións galegos en diferentes categorías, volvían enfrontarse co mesmo obxectivo nun partido que se prevía de máxima igualdade.
O envite, antollábase vital para os dous equipos. Era unha loita de poder a poder para acadar o primeiro posto da clasificación antes do parón do Nadal. Os do Deza visitaban Carballo como donos desta privilexiada posición co Xiria na segunda praza a tan só un punto.
O encontro arrancaba con moita concentración por parte dos dous equipos. A intensidade era moi alta, o dinamismo, as defensas e as porterías tamén estaban no seu mellor nivel e impoñíanse aos ataques. Nos primeiros dez minutos os visitantes controlaban o marcador con un 4-6 de parcial, pero o Ifecgás Pereira contestaba con un 5-3 nos seguintes dez e un 5-4 nos últimos para retirarse ao vestiario, no descanso, cun valioso 14-13 ao seu favor.
Na reanudación, nada cambiou, a igualdade predominaba, as defensas aumentaron aínda máis as súas prestacións e as porterías actuaban dunha maneira excelsa para complicar moito os ataques dos dous equipos. Os bergantiñáns dominaron practicamente toda a segunda metada, sempre con distancias curtas que non sobrepasaban os dous goles de diferenza, xusto ata os minutos finais, onde os carballeses conseguían unha renda de tres goles que xa foi definitiva e insalvable para os de Lalín nun final de infarto.
Ao remate, ese 28-26 deixa no máis alto da táboa clasificatoria ao Ifecgás Pereira Xiria, unha situación inmellorable para afrontar a segunda volta da competición despois do parón do Nadal.
A competición, reanudarase o vindeiro 13 de xaneiro e o equipo carballés viaxará a Vigo para enfrontarse ao Seis do Nadal, no que será o último partido da primeira volta.