FINAL COPA FEDERACIÓN
Ifecgás Pereira Xiria: 32 (16+16): Zúpez, Anes (3), Martín (8), Óscar (1), Jorge (8), Calvete (2), Rubén Gómez (1) -equipo inicial- Edu (3), Iván (1), Enrique (2), José (2), Buño, Fidi, Álex (1)
S.D. Teucro: 28 (8+20): Tomás, Matías (1), Rubén, Miguel (2), Santi (5), Rodrigo (4), Marcos (4) -equipo inicial- David (1), Tilve, Ameijeiras (1), Castiñeira (5), Jacobo (3), Aitor (1), Martín (1)
Colexiados: Aaron Sestay e Angel Matos.
¡¡¡ CAMPIÓNS DA COPA FEDERACIÓN !!!
O pasado Domingo disputábase unha final máis das moitas que levan ao lombo esta marabillosa xeración de xogadores que hoxe completan o plantel do Ifecgás Pereira Xiria. Neste caso, o encontro, que daría paso ao novo campión da Copa Federación, enfrontaba ao Ifecgás Pereira Xiria contra o potente Teucro de Pontevedra, conxunto que acadara o cuarto posto na pasada liga de División de Honra na que os carballeses foron subcampións.
O envite tiña moitas máis connotacións, xa que tamén servía como despedida e peche de esta gloriosa etapa de formación dos que hoxe son xuvenís de Xiria. Os actos, todos eles emotivos, daban xeito a pensar nunha mañá de balonmán inesquecible.
Xa metidos en tarefas balonmanísticas, resaltar a actitude e intensidade con que saíron os locais ao campo de xogo. A retagarda, infranqueable para os pontevedreses nos primeiros compases, daba mostras do alto nivel de concentración dos de Xiria e das ganas de agradar aos moitos seareiros que se deron cita nas bancadas do Vila de Noia. Álex Malvar, técnico dos visitantes, xa tiña que pedir o primeiro tempo morto no minuto dez para frear as acometidas e a sangría que estaba a sufrir o seu conxunto (5-1). Pouco cambiaron as cousas na volta deste paréntese e os carballeses continuaban superando en todas as facetas do xogo aos da cidade do Lérez, para establecer no tempo de descanso unha diferenza que se antollaba insalvable para os foráneos (16-8).
A reanudación foi moito máis placida e os bergantiñáns baixaban a intensidade e a súa concentración, dado o avultado do electrónico que chegou a ser de dez goles de diferenza no meridiano deste segundo acto (24-14). A Copa xa non se escapaba, estaba practicamente nas mans dos xuvenís de Xiria e foi entón cando o envite tornouse nunha loucura, cun conxunto local máis pendente do que estaba a ser unha festa e un Teucro que aproveitaba os últimos instantes para maquillar o resultado á contra.
Algarabía final polo título conseguido e moita emotividade ante a despedida desta xeración da etapa xuvenil. Regalo dos pais dun enorme mural coa lenda: “GRAZAS POR TODO”, repleto de fotos e instantáneas de todos estes exitosos anos e entrega de trofeos por parte de Evencio Ferrero (Alcalde de Carballo), Bruno López (Delegado Federativo da provincia da Coruña) e José Antonio Rodríguez (delegado do Ifecgás Pereira Xiria e directivo de Escolas Balonmán Xiria) que entregou o trofeo de mellor xogador da final ao carballés Rubén Anes.