II Liga de Verán

A data de comezo prevista é o luns 14 de Xullo.

Os equipos interesados en anotarse poderán facelo ata o mércores 9 do mesmo mes, día no que se celebrará unha reunión informativa no bar Bule Bule a que deberán asistir os representantes dos equipos.

Os formularios de inscrición poderán recollerse no bar Bule Bule, nas oficinas do Padroado Deportivo Municipal, no Pavillón da Zona Escolar ou na nosa páxina web.

As inscricións poderanse enviar o Apartado 129 de Carballo (C.P. 15100) ou entregalo no bar Bule Bule.

Toda a información relativa ó Torneo (horarios de partidos, resultados, clasificacións, etc) aparecerá puntualmente na páxina web da Sección de Balonmán da A.D. Xiria (http://www.xiria.net/balonman) .

Normativa do Torneo

O sistema de Competición decidirase cando finalice o prazo de inscrición e darase a coñecer na reunión do día 9.

Un equipo estará formado por un máximo de 12 xogadores e un mínimo de 8.

Na lista de cada equipo non haberá máis de dous xogadores que tivesen ficha federativa en 1ª Nacional ou superiores na Tempada 2002-2003.

Non poderán anotarse nun equipo máis de 8 xogadores que militasen en categoría sénior na Tempada 2002-2003.

Cada equipo designará dúas persoas que fagan funcións de delegado, anotador-cronometrador e árbitro ou ben aportará unha cantidade suplementaria que se destinará ó pago das persoas que realicen esas tarefas.

Tódolos conxuntos deberán abonar antes do comezo da competición unha cantidade equivalente os gastos de instalación que xere a súa participación no Torneo.

Modificacións regulamentarias

Cada encontro dividirase en catro tempos de dez minutos. O reloxo só se parará en caso de solicitalo os árbitros.

Ó inicio de cada tempo poñerase o marcador a cero e o resultado será independente en cada un deles.

En cada período poderán conseguirse dous, un ou cero puntos, en caso de gañalo, empatalo ou perdelo (por tanto nun encontro poden sumarse ata oito).