Importante vitoria do Laber Xiria ante o BM.Lalín
Era a segunda xornada de liga, pero o Laber Xiria xa recibía a un dos rivais máis complicados e aspirante ao título, o “Clínica Deza Lalín”. Ante a tremenda igualdade…

Era a segunda xornada de liga, pero o Laber Xiria xa recibía a un dos rivais máis complicados e aspirante ao título, o “Clínica Deza Lalín”. Ante a tremenda igualdade que se presume este ano na División de Honra xuvenil, parecía claro que era importante non deixar escapar en casa os puntos en xogo e “golpear” primeiro ao que pode ser un rival directo polos postos máis altos da clasificación.
Do mesmo xeito que pasara a primeira xornada en Cangas, os carballeses iniciaron o encontro erráticos e tardaron uns minutos en quentar motores. O encontro estaba a ser un calco do de facía sete días e de modo similar, o conxunto de Xiria tomaba a dianteira no electrónico aos cinco minutos, unha vantaxe que xa non abandonaría en toda a primeira parte, inda que con certos altibaixos no xogo. A mellor noticia para os de casa era a excelente colaboración entre o porteiro e o seu defensa e de aí os algarismos ao termino do primeiros trinta minutos (11-7).
Na continuación, os verdinegros aumentaban a súa renda, unha vantaxe que chegou a ser de sete goles de diferenza cos dezáns entregados á superioridade defensiva do rival. Parecía que o partido estaba visto para sentenza, pero dez minutos de precipitacións e erros no ataque posicional e na retagarda por parte dos bergantiñáns, daban ás a un BM.Lalín que recuperaba certa animosidad ante os agasallos dos de Carballo.
Ao final e aínda que houbo que “remar” até o último suspiro do encontro, o Laber Xiria queda cos dous puntos en disputa antes de afrontar, a semana que vén, outro duro envite en Porriño fronte ao conxunto desa localidade.
Laber Xiria: 21 (11+10). Antonio Mato, Carlos Vilanova (4), Gabriel Castiñeiras (7), Juanka (4), José Pereira (4), Iván Calvo (1), Borja Rodríguez -Descanso- Tito, Alex Figueroa, Manuel Souto, Kevin Santos, Daniel Esmorís, Andrés Vila (1), Roi Alfeirán, Ronaldo Durán, Antón Traba.
Clínica Deza Lalín: 19 (7+12). Uxío, Pedro (8), Antonio (4), Oscar (3), Jonathan (2), Pereira (2), Lucas –Descanso- Xabier, David, Manuel, Diego, Ramos, Luis, Brais, José.
Parciais cada 5´: 3-2/4-3/6-3/7-4/9-6/11-7**/Descanso/13-8/15-10/17-13/19-14/19-15/21-19/Final.**
Colexiados: Cesar Carballo e Carlos Calvar. Excluiron con dous minutos a Juanka (2), José Pereira (2), Carlos e Roi polos locais e Xabier, Pedro e Brais polos visitantes.
Incidencias: Encontro da segunda xornada da liga de División de Honra na categoría xuvenil, disputado no Vila de Noia ante un centenar de seareiros de ambos conxuntos.
Fotos do encontro:




