Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

Noticias do clube

Jacobo Ceide incorpórase ao programa de saúde física e mental de Escolas Balonmán Xiria

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, presentamos a Jacobo Ceide, novo psicólogo deportivo de Escolas Balonmán Xiria, que se incorpora para traballar no novo programa de Saúde física e…

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, presentamos a Jacobo Ceide, novo psicólogo deportivo de Escolas Balonmán Xiria, que se incorpora para traballar no novo programa de Saúde física e mental do club.

Falamos con el para coñecer mellor o seu labor e como axudará aos nosos xogadores e adestradores nesta tempada.

1. ¿Podes contarnos un pouco sobre ti e a túa traxectoria no ámbito da psicoloxía deportiva?

Son Jacobo Ceide, teño 33 anos e son psicólogo deportivo de profesión. Son unha persoa tranquila, familiar e á que lle gusta saír e facer actividades ao aire libre.

En canto á miña profesión, encántame o meu traballo e naceu un pouco da inquietude de coñecer por que a mesma situación lle afecta distinto ás persoas en función de cómo son elas e cómo poder axudalas. Logo cando xurdiu a oportunidade de mesturar psicoloxía co deporte, que é algo que levo facendo dende pequeno, pois a verdade é non dubidei e foi un plus para min.

En canto á traxectoria no ámbito da psicoloxía deportiva pois estudei o grado en psicoloxía e o máster en psicoloxía do deporte e de actividade física en Santiago de Compostela, rematei no 2015. En canto á traxectoria máis profesional, levo 11 anos como profesor de psicoloxía e liderazgo na escola de adestradores da Federación Galega de Fútbol. En canto a clubs, no Viaxes Amarelle Fútbol Sala do 2020 ao 2023, que é un dos equipos que mellor recordo e cariño lle teño por todas as persoas coas que coincidín alí, logo unha etapa breve no Liceo de hóckey no 2021, e a última experiencia profesional foi no fútbol base como psicólogo da canteira do Deportivo da Coruña ademais de traballo autónomo con deportistas e adestradores a nivel individual.

2. ¿Que te motivou a formar parte do noso proxecto?

Nun primeiro momento foi a proximidade que me transmitiu o clube na figura de Toñito cando contactou comigo e despois a profesionalidade, a ambición e a as gañas de crecer que hai como clube. Entendo que nese espazo de formación e posteriormente de rendemento que é o clube, que se lle de cabida á psicoloxía deportiva ou que poda axudar na parte formativa de todos os rapaces e rapazas pois creo que é importante e me convenceu. Tamén á oportunidade de incorporarme agora no comezo de tempada, e por dicilo así non para apagar un lume ou como parche, senón unha idea de proxecto de darlle valor á psicoloxía deportiva a medio-longo prazo, pois foi o que me convenceu, non simplemente algo puntual.

3. ¿En que aspectos pode axudar un psicólogo deportivo aos xogadores e adestradores no seu día a día?

No caso dos xogadores é ter unha figura dispoñible para eles para aumentar o rendemento, é dicir darlles ferramentas aos xogadores que poidan poñer en práctica no seu día a día coa idea, en deporte de rendemento, para aumentar ese rendemento que pode ser pois a través de algún problema que poden ter de confianza, de concentración ou de xestión de distintas situacións, a miña axuda é a través de técnicas psicolóxicas pois darlles ferramentas para que podan concentrarse totalmente en dar a súa mellor versión.

E no caso dos adestradores, vai máis enfocado, ademais diso, a reforzar o seu liderazgo dentro do grupo, pode ser con axuda no apartado de comunicación verbal ou non verbal ou de xestión de conflitos. Ser unha figura de apoio para o adestrador nese apartado psicolóxico para que eles logo podan decidir o que máis crean conveniente, en xeral reforzar a súa figura como adestrador líder e a súa influencia dentro do grupo.

4. ¿Como se integra o teu traballo co do corpo técnico e preparadores físicos?

Creo que os psicólogos deportivos somos parte dun todo, que é o corpo técnico, no que hai adestradores, preparadores físicos, fisioterapeutas, readaptadores, analistas, … no que cada se ocupa da súa parte con total normalidade. Moitas veces nesa integración do día a día a labor do psicólogo é observar sen que os xogadores e o corpo técnico realmente se sintan observados para que logo cando haxa a oportunidade intervir cos xogadores.

Entón a figura do psicólogo deportivo dentro do corpo técnico é unha figura máis ocupada desa parte psicolóxica e de aumento de rendemento na súa parcela, como xa digo, unha parte máis na que cada un ten o seu espazo e as súas características, pero que forma parte dun todo, pois todas as partes dun corpo técnico son necesarias para os xogadores, tanto en base como en rendemento.

5. ¿Por que é tan importante coidar a saúde mental no deporte, tamén nas categorías base?

Creo que é fundamental porque en todas as etapas de formación, da infancia e a adolescencia, é a etapa onde se están construíndo e asentando as bases a nivel emocional da futura persoa que vai ser o resto da súa vida, entón entendo que o deporte non só é para competir e gañar, senón tamén para axudar a xestionar a frustración, o esforzo, a convivencia e utilizar o deporte como un medio de transmisión de valores. Entón esa adecuada atención á saúde mental no deporte permite que os rapaces podan desfrutar no proceso de xogar ao balonmán, de ter unha autoestima sa, de aprender a tolerar o erro, … sen embargo cando se descoida este aspecto, pois é cando aparece esa ansiedade, esa presión, o medo a fallar e incluso o abandono deportivo. Eu creo que a importancia da saúde mental é unha inversión da saúde en xeral, tanto a física como a mental que forman dúas partes dun todo, e inverter en que sexan persoas equilibradas e seguras a nivel emocional tanto dentro como fóra da pista.

6. ¿Que mensaxe che gustaría enviar á afección do Xiria e ás familias dos xogadores sobre a importancia de falar e coidar da saúde mental?

Falar e coidar a saúde mental non é signo de debilidade senón de responsabilidade, de autocoidado e de amor por un mesmo, que igual que nos deberíamos preocupar pola alimentación, polo descanso ou rendemento académico dos fillos, pois tamén creo que pode ser bo ocuparnos de cómo está, que lles preocupa ou de como xestionan as súas emocións e relacións. Ese cuidado da saúde mental é axudarlles a poñer nome ao que senten, a pedir axuda cando o precisen como ese acto de valentía e responsabilidade e que non sempre hai que esperar a estar mal para pedir axuda.

E xa no ámbito deportivo, o deporte é un contexto marabilloso para aprender os valores e poñer en práctica esa xestión de emocións que lles pode axudar tamén no día a día, e para que iso ocorra, todo o entorno, as familias, os adestradores e o clube, podan poñer o foco na persoa e non no resultado, que o seu valor non dependa dun resultado, de se gañan ou se perden, senón que sempre hai máis, moitas veces simplemente acompañando a nivel emocional ou escoitándoos sen xulgar xa os estamos axudando. E como clube que teñan claro que imos ir da man deles para asesorarlles en todo o que necesiten.

Máis sobre isto