JOSÉ ENSEÑAT CANGAS 22 – PROCASA XIRIA 23

José Enseñat Cangas: 22 (14+08): Alberto, Brais, Cristian, J. Ángel, André, David, Fernando, César, Miguel, Héctor, Rubén, Darío, Abel.

Procasa Xiria: 23 (10+13): Martín, Chouciño (1), Joaquín (8), Iván (2), Calvete (4), Damián (2), Mario (1), Jose A. (1), Ricardo (4).

Colexiados: Rafael Núñez.

Este fin de semana e aproveitando o festivo do venres disputáronse dúas xornadas, a 5ª e 6ª, na fase polo título na 2ª División Cadete. A primeira delas enfrontaba aos de Carballo contra o Cangas, rival xa coñecido da primeira fase e que lle gañara os dous encontros ao Procasa. O Xiria visitaba O Gatañal con tan só 9 xogadores, non viaxaron Luís Iglesias nin Rubén Anes por motivos persoais, e Luís García estaba convocado co equipo de División de Honra, polo que o equipo carballés afrontaba o partido con só dous trocos. O encontro comezaba cos de Carballo demasiado relaxados, a actitude xeral do equipo non era a propia de competición e así foi que non lle costou ao Cangas coller vantaxe no marcador sen sequera ter que apretar demasiado o acelerador. E así foi a tónica da primeira metade, un equipo sen ganas de xogar e outro que sen xogar cun ritmo moi alto ía distanciándose no marcador, 14 -10 ó descanso que puido ser máis de non ser pola boa actuación de Martín, detendo varios lanzamentos claros do Cangas, e polo empuxe de Joaquín, que era dos poucos que amosaba algo de carácter.

No descanso o equipo entrou no vestiario abatido, cabizbaixo, pero foi quen de reaccionar, os xogadores cambiaron a mentalidade e o Cangas xogou a segunda metade contra outro rival que en nada se parecía ao da primeira. O Procasa Xiria saíu moitísimo máis enchufado, os compañeiros alentábanse uns ós outros, apareceu de novo ese xogo en equipo e esa continuidade que son as nosas señas de identidade, o que propiciou conexiones lateral – pivote moito máis claras, o equipo comezou a correr ao contrataque e, pouco a pouco, ía recortando distancia no marcador. O 6 -0 do Cangas deixou de ser un muro infranqueable e pola contra ós locais costáballes moito máis facer goles contra unha defensa que, agora si, realizaba apoios, basculacións e funcionaba de xeito colectivo.

Ao final vitoria pola mínima dos de Carballo como foráneos, con gol de Joaquín no último segundo, nun partido dos que fan crecer coma xogador, no que o equipo mostrou unha moi boa capacidade de reacción cunha segunda parte marabillosa. So me queda felicitar ao Xiria por ser quen de darlle a volta a un partido que se vía complicado tras o visto no primeiro tempo.