LAS CINCO JOTAS LAVADORES 26 – CALVO XIRIA 33

Crónica do Lavadores 26 – Calvo Xiria 33
Manuel Rey / 12 Novembro 2013
LIGA DE 1ª DIVISIÓN ESTATAL – XORNADA 8. 09/11/2013

LAS CINCO JOTAS LAVADORES 26 – CALVO XIRIA 33

Las Cinco Jotas Lavadores 26 (11+15): Diego [p], Mario (8), Borja (2), David (3), Antonio (4), Yago (3), Miguel (3) – equipo inicial – Daniel [p], Díaz (2), Fernando, Celso, Aaron, Pablo (1).

Calvo Xiria 33 (17+16): Iago [p], Ramón, Sergio (4), Chimpo (5), Javier (4), Manuel (4), Pablo (11) – equipo inicial- Naya [p], Zas (1), Calvete, Brais (4), Jorge, Rubén, Martín.

Colexiados: Iván Pereira Meireles e David Rodríguez Lera do colexio de Castela e León. Excluíron por parte local aos xogadores Miguel (29´) e Antonio (30´), mentres que polo bando carballés sancionaron a Brais (20´), Ramón (40´) e Javier (43´).

Marcador: 2-3, 5-8, 7-12, 8-13, 10-14, 11-17(descanso); 11-20, 16-23, 20-23, 23-27, 26-31, 26-33

7 metros: Las Cinco Jotas Lavadores: 4 / 5 ### Calvo Xiria: 4 / 4

200 seareiros no Pavillón Municipal de Lavadores.

De novo se desprazaba o Calvo Xiria a terras olívicas para disputar o seu encontro de 1ª Estatal, desta volta ante un rival que non se lle dera nada ben nos derradeiros anos, o Lavadores. Con moita intensidade saltaban á pista os xogadores verdibrancos, co obxectivo de controlar o partido, tanto no electrónico coma no ritmo de xogo. As primeiras vantaxes non se fixeron agardar e cun xogo moi dinámico no contraataque o Calvo lanzaba dende posicións moi vantaxosas que se traducían en goles. Na contra, pequenos desaxustes defensivos de inicio impedían que o conxunto carballés se marchase no marcador dun xeito máis notable. Pero co paso dos primeiros dez minutos asentouse definitivamente na cancha o Xiria e non tardou en acadar un + 5 que fixo que caese o primeiro tempo morto rival. Nin así mudou o panorama no municipal vigués no que se estaba a ver un conxunto carballés superior. So a falla de finura na finalización impediu un resultado no tempo de lecer máis amplo, pero o 11-17 era fiel reflexo do acontecido no 40 x 20.

A saída en tromba dos vestiarios cun Calvo Xiria en superioridade numérica elevaba a diferenza ata os nove goles e semellaba que o “gafe” que o acompañaba nesta pista ía camiño de desaparecer. Nembargante nada é tan sinxelo, e cando transcorría o minuto dez do segundo tempo apagáronse todas as luces para os carballeses. Quedaron se fluidez no ataque, esqueceron o repliegue defensivo e nin defensa nin portería estaban ao seu nivel habitual. O Lavadores viu a súa oportunidade e non o dubidou. Arriscando en cada acción púxose a dous goles de diferenza e balón en posesión. Polas sensacións que se tiñan na pista o Lavadores cada vez ía a máis e o Calvo a menos e todo o traballo de corenta minutos perigaba para os visitantes. Pero como se desconectou, sen previo aviso, conectouse o conxunto verdibranco e como se fose un novo inicio de partido armou de novo a súa defensa e a partir de ela o seu mellor xogo ofensivo. Xa non tivo resposta o conxunto vigués e nin a defensa individual a Pablo serviu para modificar de novo o rumbo dun partido que deixa aos carballeses na terceira posición da táboa logo de sumar sete vitorias consecutivas.

O enfrontamento da vindeira xornada xa é todo un clásico desta categoría xa que visita o Vila de Noia o Bm Cisne, un equipo con xogadores de moita calidade e experiencia. A cita o sábado ás 18 horas.