MAGOPE SEIS DO NADAL 26 – CALVO XIRIA 24

01/12/2007 MAGOPE SEIS DO NADAL 26 – CALVO XIRIA 24
Seis do Nadal (14+12) 26: Nani, Simón (1), Ocampo (2), Miguel (3), Aitor (3), Zambra (6) e Marcos (2) -equipo inicial – David, Samuel, Denis (2), Alexandre (4), Joserra (2), Rebolo e Paloto (1).

Calvo Xiria (7+17) 24: Quique, Pombo (3), Alex (1), Roberto (3), Fernando Vázquez (4), Cristophe e Dubra (5) -equipo inicial- Iago, Sebastián (1), Chimpo (2), Cuco (4), Jesús (1) e Manuel.
Árbitros: Pablo Goitia e César Carballo. Ben.
Un parcial de 7-0 nos derradeiros trece minutos da primeira parte permitiulle ao Seis do Nadal romper o partido que lle enfrontou o pasado sábado ao Calvo Xiria no Pavillón de Coia, en Vigo. O conxunto carballés, que ata o 7-7 mandara sempre no marcador – con vantaxes de incluso 3 goles – pegou un incomprensible baixón no seu xogo e permitiu que o conxunto local abrira unha brecha que foi definitiva para o resultado final do partido. O equipo de Marcos Rodríguez non foi quen de manter o ritmo dos primeiros minutos e non soubo dar a estocada, nese primeiro acto, a un Sedona que sufriu catro exclusións por tan só unha do Calvo Xiria. As perdas de balón e tiros precipitados dos visitantes, ademais da actuación de Nani na portería local, foron decisivos para que o Seis do Nadal non acusara esa circunstancia e estivera sempre metido no partido. Os carballeses, que non tiveran problema para controlar o partido nos primeiros quince minutos, viñéronse abaixo de xeito inexplicable no tramo final do primeiro acto, situación que aproveitaron os de Coia para irse cunha cómoda vantaxe ao descanso (14-7). Os carballeses estiveron preto de quince minutos sen anotar, produto de numerosas perdas de balón e unha mala selección de lanzamento, que favoreceu o tremendo parcial dos locais.

O comezo da segunda parte non auguraba nada bo para o Calvo Xiria. O Seis do Nadal ía incrementando a súa vantaxe, que chegaba ata os dez goles (20-10) preto do minuto 15. Unha dobre exclusión dos locais, acompañada dunha defensa 3-3 do Calvo Xiria, permitía aos visitantes endosar ao Seis do Nadal un parcial de 0-3 que facía albergar esperanzas de remontada. Marcos Rodríguez optou entón por variar a defensa, alternando unha 5-1 ou dobre mixta para provocar as situacións de erro dos locais e tentar recurtar distancias con rápidos contraataques. E así sucedeu. O Calvo Xiria tirou de orgullo e, comandado por un sensacional Dubra, comezou a limar as diferenzas ata o punto de endosarlle ao seu rival un parcial de 1-7 e poñerse a tan só un gol no marcador (23-22). Por desgracia para os intereses dos carballeses, o Seis do Nadal repúxose e, cun parcial de 3-0, deixaba o partido resolto a falta dun par de minutos (26-22). O Calvo Xiria non perdeu a fe e logrou recurtar distancias con dous goles que deixaron o marcador definitivo de 26-24. Un resultado que, dentro do lastimoso da derrota, pode ser importante de cara o final de liga, se o Calvo Xiria é quen de ascender ás posicións punteiras da tabla clasificatoria (onde a bo seguro estará o Seis do Nadal). No plano negativo, hai que destacar a lesión de Dubra, cunha rotura de fibras nun xemelgo que lle impedirá disputar os próximos compromisos do Calvo Xiria.