Ir ao contido
BalonmánXiriaFaite socio

MECALIA AT. NOVAS 30 – CALVO XIRIA 27

XORNADA 8 15/11/2008 MECALIA AT. NOVAS 30 – CALVO XIRIA 27 Mecalia At. Novás 30 (14 + 16): Esteban, Rafa (3), Jorge (3), Víctor (6), Pablo (5), Ramón (6), Germán…

XORNADA 8

15/11/2008 MECALIA AT. NOVAS 30 – CALVO XIRIA 27
Mecalia At. Novás 30 (14 + 16): Esteban, Rafa (3), Jorge (3), Víctor (6), Pablo (5), Ramón (6), Germán (1) – equipo inicial – David (1), Paulo (1), Daniel (1), David L., Yago (1) e Roberto (2).

Calvo Xiria 27 (12+15): Quique, Cuco (4), Borja (1), Bruno (3), Gonzalo (5), David (6) e Dubra (1) -equipo inicial- Iago, Alex (2), Angel (2), Chimpo (1), Jesús (2), Manuel e Ramón.

Colexiados: Srs. Clemente e Friera, non influíron no resultado final, pero impediron ver un partido máis dinámico ao sinalar golpes francos continuos aos dous equipos en situacións de clara aplicación da lei da vantaxe.

Parciais: 3-0, 5-2, 6-2, 8-6, 10-11, 14-12, 19-14, 22-15, 24-18, 25-20, 28-24, 30-27.

Logo de dúas fins de semana de descanso disputou o Calvo Xiria o seu sétimo partido da liga de 1ª Nacional masculina ante o Mecalia Novás, un dos equipos chamados a estar no máis alto da clasificación final, colleitando os carballese unha derrota por 30 a 27 (14 – 12 no tempo de lecer).

Saída completamente distinta dos dous equipos ao terreo de xogo que marcou o transcorrer do encontro cun Novás que viña de tropezar na anterior xornada na cancha do Bueu e que non se podía permitir unha nova derrota. Tal foi así que no minuto cinco gañaba por un parcial de 3-0 que se prolongaba ata o minuto quince (6-2). Por parte do Calvo a imaxe era a contraria, un equipo sen a intensidade necesaria para afrontar un choque destas características e só a actuación de Quique baixo os paus impediu que o partido se rompera definitivamente neses minutos. Unha serie de exclusións no bando local foron decisivas para que o Xiria enxugase a diferenza no marcador e se chegase a por diante no electrónico, mais dúas accións de falta de concentración convertéronse en sendas sancións de dous minutos para xogadores carballeses que se transformaban en tres goles por parte do Novás e deixaba un partido aberto para a segunda metade.

Pero o reinicio foi un recital dos xogadores do Rosal que en rápidos contraataques, ante un inoperante ataque carballés que non era quen de atopar situacións de lanzamento, practicamente sentenciaban o encontro chegando a acadar unha diferenza de sete goles. De novo a intensidade dun e doutro equipo facía que o partido se rompese. Só un dato bastante elocuente: o Mecalia tivo seis exclusións por accións defensivas mentres o Calvo non tivo ningunha. Dende o minuto quince do segundo tempo ata o remate só as situacións de superioridade numérica a prol do Calvo Xiria fixeron levar emoción ao encontro, que tivo un merecido gañador no equipo do Rosal.