O.A.R. CORUÑA 27 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 26

XORNADA 21

O.A.R. Coruña: 27 (12+15): Adrián, Sergio (6), Mateo (6), Jaime (6), De La Torre (4), Ángel (2), Manuel (2) -equipo inicial- Ignacio, Miguel, Diego (1), Jorge, Jairo.

Ifecgás Pereira Xiria: 26 (13+13): Zúpez, Edu, Julián (3), Javi (2), Jorge (9), Alberto, Calvete (1) -equipo inicial- Iván (5), José, Óscar (2), Enrique (1), Fidi, Rubén (3).

Colexiadas: Soraya Abelenda e Alba Currás.

Partido trepidante o disputado o pasado Domingo na pista coruñesa de San Francisco Xabier. O Ifecgás Pereira acudía ao derbi coas baixas por lesión de Martín e Anes, feito que sería definitivo cara o resultado final do encontro.

Sabedores das súas limitacións no día de hoxe e da perda de lanzamento na primeira liña, os rapaces de Xiria fixeron unha primeira parte moi intelixente, apostando máis que nunca a unha retagarda contundente, para poder desenvolver a súa mellor arma, o contragolpe, e minimizar no posible os ataques posicionais, onde poderían chegar as maiores dificultades. Nesta última parcela, o Ifecgás Pereira xogaba con ataques longos e elaborados, seleccionando as mellores ocasións de lanzamento e non arriscando en exceso ante a altura da 6:0 dos coruñeses. A igualdade dominaba no electrónico e salvo o primeiro parcial de 5-4 a prol dos visitantes, o empate a catro entre o minuto dez e vinte e dende este ata o remate, deixaba un axustado 12-13 no momento do asubío que indicaba o tempo de descanso.

Continuaba a igualdade na reanudación, aínda que os de Carballo dominaban o marcador na maior parte da contenda, chegando incluso a adiantarse de dous goles no meridiano de este acto, máxima vantaxe para calquera dos dous equipos durante todo o partido. Foi superado este momento e cando se achegaba o tempo no que o encontro se ía resolver cando os bergantiñáns cometeron máis erros e deron certas facilidades a os do OAR. Os últimos minutos en especial foron de claro estrés competitivo, onde os de Xiria non tiveron paciencia para mover o balón, dar continuidade e buscar a mellor opción cara á portería contraria. De calquera forma, os locais viron como a fortuna estaba da súa parte no día de hoxe, cando dous lanzamentos de Jorge, un deles faltando trinta segundos para o remate, se estrelaban na madeira da portería defendida por un Adrián que estaba totalmente batido.

Os últimos quince segundos foron de infarto, pero os coruñeses, despois dun tempo morto solicitado polo seu técnico Ángel, encontraron un claro lanzamento dende máis alá dos nove metros que o lateral esquerdo, Sergio, acertou a converter no gol que lles daba a vitoria.

Con este resultado, o Ifecgas Pereira Xiria non poderá alcanzar na clasificación ao Lalín a falta dunha xornada para o remate da liga e polo tanto non poderá revalidar o campionato galego que conseguiran a tempada pasada. De calquera xeito, o subcampionato galego e a posibilidade de disputar de novo outro campionato de España (a falta de confirmación oficial) non pode empañar de ningunha maneira a marabillosa labor de este equipo que leva catro anos consecutivos sen baixarse do podio das ligas de División de Honra galegas, acadando dous campionatos galegos e un oitavo posto a nivel nacional.

A próxima fin de semana non haberá liga. A competición reanudarase dentro de dúas fins de semana para rematar a liga no Vila de Noia recibindo ao equipo vigués do Seis do Nadal.