PORTADEZA LALÍN 31 – VIPECÓN XIRIA 27

Portadeza Lalín: 31 (16+15): Xoan, Adrián (7), José (6), Pinales (4), Miguel (5), David (5), Batán (4) -equipo inicial- Manuel, Marcos, Román, Santiago, Enrique.

Vipecón Xiria: 27 (15+12): Zúpez, Edu (6), Martín (1), Javi (10), Jorge (4), Álex (4), Rubén Gómez (2) -equipo inicial- Calvete, Luís, Miguel, Julian (2), Óscar, Rubén Anes.

Colexiado: Sergio Rodríguez e Pedro Eiras.

Partido de poder a poder o que se disputou o pasado sábado no Lalín Arena entre dous dos equipos chamados a pelexar tanto por este título como polo de liga na División de Honra Cadete.

A primeira metade foi moi igualada, con alternativas no marcador e moitas imprecisións nos dous equipos, propias destas alturas de pretempada nas que nos atopamos. O respecto que se intuía por parte dos dous planteis facía que os rapaces estiveran un pouco atenazados, pero, aínda así podíase ver as grandes mostras de calidade que amosaban nas diferentes accións de xogo, tanto por parte dos rapaces de Lalín como polos de Carballo. A igualdade mantívose ata o final deste primeiro acto, sen que ningún dos sous conxuntos fora quen de despegarse no marcador. No descanso, un 16-15 falaba da igualdade entre locais e foráneos e deixaba as espadas en todo o alto cara a reanudación.

Os primeiros minutos da segunda parte foron titubeantes para os de Carballo, un par de balóns perdidos e algún erro en lanzamento dende os seis metros daba facilidades aos locais, facilidades istes aproveitaban para coller unha pequena diferenza de catro goles que á postre sería definitiva e imposible de recortar por parte do Vipecón. Os xogadores do Xiria intentárono todo e puxeron intensidade nas defensas mixtas plantexadas nos últimos minutos, pero os do Deza non perderon o tipo e mantiveron a vantaxe ata o final, nun dos encontros máis atractivos que se pode ver este ano na categoría cadete, 31-27.

A pesar dista derrota o Vipecón Xiria clasifícase para as semifinais da Copa como mellor segundo clasificado dos tres grupos. Os outros tres semifinalistas son o Portadeza Lalín, a S.D. Teucro e Las Cinco Jotas-Lavadores.

A vindeira fin de semana comeza a competición de liga na División de Honra Cadete. O Vipecón Xiria visita a pista do Pavillón Municipal do Porriño onde se enfrontará, sábado ás 11.00 h, ao Balonmano Porriño.