O Calvo Xiria buscará a vitoria de novo ante a súa afección

1ª Nacional masculina:

O sábado ás 20:00, o Vila de Noia ten unha nova cita co balonmán; o Calvo Xiria quere repetir triunfo por terceira xornada seguida e para iso medirase a un dos conxuntos máis en forma da categoría o Balonmán Saeplast Cañiza.

O Calvo Xiria vai colléndolle ritmo á competición e nótanse as sesións de preparación. O sábado, puidemos ver durante moitos minutos a que quere xogar o equipo. Unha das claves do partido será; ser constantes, aumentando a capacidade para manter o modelo de xogo, durante máis tempo; para iso as rotacións son fundamentais.

Nos dous partidos disputados ata o momento o Xiria, atopouse mellor nas segundas partes; sinal de que chega fresco para a disputa dos minutos máis tensos. Esta fin de semana, ten unha proba difícil, xa que o Saeplast Cañiza, é dos equipos que máis partidos disputou desde a pretempada. Xosé Canedo, criado nas categorías do Bm Culleredo, e cun pase breve e exitoso por Xiria, manexa a batuta do ataque visitante; mentres na defensa Carlos Rodríguez (Charly) é quen ordena desde o central aos seus.

En principio, o Vila de Noia, estará aberto de novo a 180 espectadores, onde tanto a organización e a afección estiveron de 10. O club traballa para que sigamos gozando do balonmán desde a nova normalidade.