O Calvo Xiria entrega unha vitoria ao Bueu nun final imposible

O Calvo Xiria viaxaba a Bueu coa ilusión de pechar o ano dunha forma inmaculada, líder da clasificación de 1ª nacional e invicto nesta liga 2018-19, pero os instantes finais dun encontro dominado polos de Carballo, convertéronse nun suceso de xeito evidente inaudito.

Os buenenses son un conxunto que adoitan mostrar un excelente rendemento como locais e aínda que a domicilio acumulan derrotas contundentes, en casa, onde só cederon dous puntos, móstranse como un conxunto sólido e fiable, capaces de impoñerse a calquera a pesar das baixas que sofren na súa primeira liña. Os bergantiñáns acudían ao pavillón Pablo Herbello sabedores do perigo do seu rival e con baixas moi sensibles como as de Julián, Amarelle e Chimpo, lesionados nas anteriores datas. Quizá a baixa de Chimpo, dado o seu excelente estado de forma, foi a que máis se notou no transcorrer do encontro, sen infravalorar as de Julián e sobre todo Amarelle en tarefas defensivas. Todos e cada un deles, a recado que achegarían cousas importantes nos momentos máis críticos do equipo, pero o Calvo Xiria dominou de forma cómoda o marcador e demostrou que este partido non se lle debería de escapar a pesar das ausencias.

Os carballeses comezarían concentrados na tarefa que tiñan por diante, sabedores da importancia de aumentar as diferenzas cos seus rivais, Unión Financera e Lalín, que se enfrontaban entre eles en Oviedo. A defensa mostrábase contundente, a portería colaboraba e a velocidade, daba situacións claras de gol aos verdinegros, que pronto gozaban de cómodas diferenzas de tres e catro goles. Tan só quedaba o pero de non aproveitar as repetidas situacións de lanzamento desde os seis metros, nas que o porteiro local mantiña ao seu equipo no partido e non permitía que os de Xiria ampliasen a súa vantaxe ata os seis ou sete goles. No descanso e cun marcador favorable de 8-12, conxurábanse os bergantiñáns para resolver os problemas de lanzamento uno contra o porteiro e teminar por alcanzar o obxectivo no definitivos trinta minutos.

Non podían comezar mellor as cousas para os visitantes, xa que no primeiro minuto da continuación conseguían a máxima diferenza do envite (8-13). O Calvo Xiria, sen facer un partido excelso, dominaba o marcador e o xogo ante un rival que aos poucos comezaba a minguar. O punto de inflexión chegaría nos últimos quince minutos. O Calvo Xiria sumaría ata cinco defensas e balóns recuperados que enfrontarían aos de Carballo sós contra o porteiro, pero os faios nos lanzamentos e algún erro na recepción do pase en contraataque, volverían facer acto de presenza no peor momento. O Bueu sumaba erros, pero os verdinegros non aproveitaban as situacións para marcharse definitivamente aos seis, sete, oito goles de diferenza e finiquitar o partido. Entrábase nos últimos dez minutos cun marcador favorable para os de Xiria de tres goles arriba, pero os problemas no lanzamento persistían: penetracións entre un e dous, lanzamentos francos desde o extremo…….a maioría deles  en localizacións aos ángulos baixos e aí, o porteiro local, erixíase como verdugo dun equipo que non alcanzaba a entender como os locais, sen facer un bo partido no día de onte, estaba a comerlles terreo.

Nestes últimos instantes, a portería local e Chema no pivote, foron os que conseguirían o que parecía imposible vendo o desenvolvemento do encontro. O Bueu soubo aguantar 55 minutos e aproveitar as oportunidades que se lles presentaron polos erros do seu rival. O Calvo Xiria, polo contrario, dubitativo e frustrado por deixar escapar tantas oportunidades, non foi quen de xestionar esos minutos finais de xeito colectivo e sufre a súa primeria derrota.

Os de Carballo perden así a súa imbatibilidade e sofren a primeira derrota, aínda que seguen en postos de fase de ascenso como segundo clasificados a dous puntos de Lalín e Unión Financiera, que empataron en Oviedo. O conxunto de Chapela tamén se sitúa a catro puntos dos carballeses.

O Calvo Xiria recibirá a Unión Financiera e Lalín á volta do Nadal e viaxará posteriormente a Lavadores, o actual líder. A volta do parón antóllase por tanto vital para todos os equipos situados no alto da táboa, xa que tamén haberá un enfrontamento entre Lalín e Construcciones Castro Lavadores.

Bueu Atl. BM: 22 (8+14). Anxo Dopazo, Mauro Bacelar (2), David Iglesias, Javier Torres (1), Roque Arias (1), Carlos Martínez (4), José López (3), Abel Díz, Sergio Piñeiro, Daniel Vicente (6), Dani López, Martín Piñeiro, Eloy Malvido, Simón Cerviño, Manuel Cruz, José María Quintela (5).

Calvo Xiria: 21 (12+9). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Gabriel Castiñeiras (1),  Cuco, Fran Rey, Brais Puñal, Pablo Iglesias (5), Carlos García (3), Iago Franco, Juan Carlos Rodríguez (5), Manuel Méndez (4), Jorge Bouzas, Alejando Calvete, Enrique Pena.

Parciais cada 5´: 1-3 / 2-6/ 4-7/ 5-8/ 7-10/ 8-11/Descanso/12-13/ 14-16/ 15-18/ 16-19/ 21-21/ 22-21. Final

Colexiados: Silvia Vázquez e Alberto Fernández. Desafortunados, inda que non influiron no resultado final.

Incidencias: Encontro da 14ª xornada da 1ª nacional celebrado no pavillón Pablo Herbello. Nas bancadas, pais dos xogadores infantís do Garaysa Xiria e mesmo estes, que xogaban despois, animaron ao Calvo Xiria nun pavillón cheo de siareiros.