O Calvo Xiria vence no derbi e segue firme cara ao seu obxectivo

O derbi do pasado Sábado no Vila De Noia entre o Calvo Xiria e o Conservas Boya Camariñas, foi un episodio máis da festa do balonmán na zona bergantiñán. A pesar da diferenza na clasificación entre un e outro equipo e os obxectivos dispares de cada un, o ambiente foi inmellorable nun recinto deportivo repleto de colorido.

En canto ao encontro, o Calvo Xiria mostrouse superior ao seu rival, aínda que presentou lagoas de concentración nalgunhas fases do partido que lles levou a cometer erros e perdas de balón absurdas ante as xa consabidas accións do Conservas Boya para interceptar o balón a partir da súa retagarda. Estas desconexións por momentos ,foron as que regalaron repetidas veces un un contra o porteiro aos visitantes e por tanto unha decena de goles que non deberían de existir. Tal e como ocorrese a pasada semana en Cangas, o Calvo Xiria, parapetado no exceso de confianza dunha cómoda diferenza, desperdiciaba situacións para seguir aumentando a mesma e remataba o primeiro acto cun marcador favorable de 18-14.

Cunha sintonía e posta en escena similar, o Calvo Xiria continuaría presentando eses altibaixos nas diferentes fases do xogo no segundo acto e tamén como ocorrese fai sete días fronte ao Luceros, o Conservas Boya Camariñas poñeríase a un só gol mediado este tempo. Os de Carballo volverían poñer unha marcha máis, a subir a súa intensidade de novo e nun abrir e cerrar de ollos, a escaparse no marcador ata ese 38-29 final.

O Conservas Boya Camariñas pola súa banda, fiel ao seu espírito competitivo, xamais baixou os brazos e sempre estivo á espreita para aproveitar os erros dos verdinegros. Estes, excesivamente confiados, ofreceron demasiadas opcións a un rival con temperamento e que posúen un balonmán veloz e vistoso no seu ataque, situación que a recado non se pode seguir repetindo en sucesivos encontros. Tal feito sería xogar con lume e nalgunha ocasión é posible queimarse, como xa ocorreu en Bueu.

O vindeiro sábado o Calvo Xiria viaxará á Cañiza, un desprazamento longo e onde se topará cun rival que está á altura dos mellores da categoría no seu feudo, como é o Saeplast Cañiza. Os bergantiñáns terán que aumentar moito as súas prestacións e completar sesenta minutos ao seu mellor nivel se queren sumar dous puntos vitais para o seu obxectivo final.

Calvo Xiria: 38 (18+20). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Gabriel Castiñeiras (1), Cuco (1), Julián López (3), Brais Puñal, Fran Rey, Pablo Iglesias (14), Juanka (5), Manuel Méndez (3), Jorge Bouzas (2), Alejando Calvete, Enrique Pena Pensado (3), Chimpo (1), Carlos García (2).

Conservas Boya Camariñas: 29 (14+15). Alejandro Canosa, Alan Fuentes, Cristian Canosa (9), Manuel Parga, Eusebio Martínez (3), José Manuel Romar, Alberto Mas (2), Bieito Canosa, Francisco Carril (4), Christian Antelo (1), Fabián Canosa (7), Javier Martínez, Felix Fateira, Xabier Cnosa (3).

Parciais cada 5´:5-4 / 7-5/ 10-8/ 14-10/ 15-11/ 18-14/Descanso/20-18/ 24-21/ 27-23/ 31-23/ 35-26/ 38-29. Final

Colexiados: Francisco Fernández e Adrián Rodríguez. Sen complicacións.

Incidencias: Xornada 19ª no grupo A da 1ª nacional. Partido celebrado nun pavillón Vila De Noia abarrotado de público de ambos os conxuntos que se deron cita para disfrutar dun gran partido.