O Garaysa Xiria mostra as súas debilidades ante o Cisne

Na mañá do sábado viaxaba ata Pontevedra para enfrontarse ao Cisne; dous equipos que pelexarán ata a última xornada por facerse cunha das prazas que dan dereito a xogar o campionato de España. Polo que os dous puntos eran de vital importancia nesta xornada.
No inicio do encontro xa mostraba demasiada debilidade defensiva o equipo carballés, erros nos cambios de opoñente, descoidos pouco habituais nos desdobramentos, facían que o Cisne anotase gol con facilidade, e conseguise aos poucos unha vantaxe no marcador. Empezaba a precipitación en ataque para o Garaysa, ansioso por remontar, isto permitiu ao Cisne recuperar balóns e correr ao contraataque, para seguir marcando goles desde 6 metros ante o pobre balance defensivo. Ao descanso 20 a 13 desfavorable aos intereses carballeses.
Na continuación, o cambio de defensa a 3:3 do Garaysa tampouco funcionaba. O Cisne dominou un encontro, que se antollaba máis igualado. Partido para esquecer en canto a nivel de xogo; pero a ter moi presente; á hora de afrontar as xornadas que quedan se queren conseguir o obxectivo de estar entre os 4 primeiros a final de tempada.

Incidencias: Partido disputado no pavillón CGTD ante un centear de seareiros de ambos conxuntos, que estiveron moi animados. Colexiado: Marcos Pérez do colexio galego.

CISNE DE BALONMAN 40 ( 20 + 20 ): Borja Fernández, David Fernández, Enrique Domínguez, Gabriel Fontela, Hugo Pérez, Ignacio Álvarez, Iker Latas, Jorge Pazos, Luis Fernández, Manuel Couso, Martín Santos, Miguel Sierra, Rubén Siqueiros, Salvador Montes.

GARAYSA XIRIA 31 ( 13 + 18 ): Mateo Pallas [p], Darío Calviño [p], Andrés García, Ángel Viña, Esteban Puñal, Julián García, Martín Fuentes, Miguel Goimil, Juan Martín, Alberto Suárez.